En Positivo · Artigos en La Voz de Galicia-Ferrol

ARTIGOS DE EN POSITIVO

Un venres, cada quince días, atendo unha cita para expresar en dous mil caracteres (mil catrocentos coa nova maquetación de la Voz de Galicia en 2011) reflexións sobre o mundo que nos toca vivir.
Un compromiso coa humildade do que busca entender e agradecemento a quen se pare a lelas.
Dende Esmelle, en positivo.

· · ·
Coa cabeza ben alta 14/06/2014
A autoestima é un ben escaso en Ferrol, cidade como poucas na que se mesturan as dificultades para construír futuro cun espírito crítico, as veces excesivo, que parece idiosincrático dos seus naturais. Por iso convén destacar co mesmo rigor crítico as mostras de excelencia cando aparecen e aplaudilas, tanto para aproveitalas, de ser o caso, e para agradecelas, sempre.
Unha delas é a excelente exposición “CONSTRUÍNDO FERROL” que sobre o arquitecto Rodolfo Ucha foi encetada cunha clarificadora conferencia do profesor Vigo Trasancos e cobre as paredes do Torrente Ballester con debuxos, planos e fotos. O coidado posto na súa realización e na materialización do seu máis que xeneroso catálogo invita a saír á rúa coa cabeza ben alta, para descubrir os marabillosos deseños do responsable da faciana máis amable da cidade. Invitaría a deterse sen reparo por rúas, prazas e edificios, para admirar a mestura de gusto e ousadía do arquitecto que embeleceu Ferrol.
Outra boa razón para erguer a cabeza é a concesión pola castelá Fundación Macario Asenjo Ponce do seu Premio Nacional 2014 á Asociación de Vecinos Valle de Esmelle por “a súa implicación en toda a comarca e os seus esforzos por conservar o patrimonio, manter vivo o medio rural e facelo máis visible e visitable”. O labor xeneroso e continuado de colectivos como o esmudiense e doutros barrios axuda a facer un mellor Ferrol.
· · ·
Frikis 30/05/2014
Polo visto e oído a voces autorizadas de partidos políticos maioritarios, o que acaba de pasar nas eleccións europeas é un fenómeno de “frikis” -os deuses e o inglés me perdoen- que pasaban por aí e arramplaron algún millón de votos. Tirado, o fai calquera que se propoña tal empeño: xuntas catro pesos, uns amigos das redes sociais, unha asemblea nun barrio e xa está, empezan a chover votos a cachón.
Polo visto neste país, nestes europeos países, non pasaba nada; a economía, vento en popa sen problema de burbullas; os servizos sociais, mellor que o emprego; a corrupción era o destino do corpo dos que non son santos insignes; os fondos europeos adicáronse sempre aos mellores fins, coas instalacións a pleno rendemento; as autoridades responsables de supervisar a economía e a banca alertas nun horizonte de caixas e bancos saneados e prósperos; os miles de concellos xestionando eficazmente ata o último céntimo do cidadán, apoiados polas imprescindibles Deputacións. Un sistema fiscal xusto onde pagan máis os que máis teñen, sen burladeiros sicavs para darlle un quite ao touro de Facenda; a Sanidade ben coidada, sen profesionais contratados por horas; o ensino, ben, cun marco legal consensuado e centros coidados e dotados. De Europa destacaba un programa común claro e equilibrador. Normal que o expertos non entendan isto dos “frikis”. Claro que ningún experto predixo a caída o Muro de Berlín.
· · ·
Furtivismo e saúde 16/05/2014
Cada marea baixa destaca a presencia de decenas de figuras chantadas nos esteiros, dobradas pola metade cun pequeno sacho na man e unha bolsa de rede ao lado das botas verdes. Vanse movendo entre a lama extraendo ilegalmente as ameixas dos bancos marisqueiros da ría ata rematar a faena. Achéganse entón á ribeira, miran aos lados de esguello e saen a terra. Algún, incluso, lava as botas e aparellos na mesma fonte pública que usan paseantes e deportistas do paseo marítimo. Son “os furtivos”, homes e mulleres que desbordan os servizos de vixilancia de confrarías e autoridades, en especial nas épocas de crise, nas que conseguir traballo é unha entelequia.
Á parte do dano aos mariscadores legais, o marisco contaminado que extraen pode ir a autoconsumo, a particulares ignorantes do perigo e, temo, algún que outro hostaleiro. As ameixas, vieiras e demais bivalvos deben depurarse para liberalos da carga de bacterias, toxinas e metais pesados que acumulan ao filtrar as augas para obter o seu alimento. Son un perigo para a saúde cando non se tratan por depuración. A garantía para o consumidor é mercar as bolsas precintadas, tal como saen das depuradoras pero, como sabe o cliente de hostalería que o establecemento cumpre as normas? Urxe un sistema de inspección sanitaria como o que erradicou a troita de río dos pratos; actuar na comercialización é a única garantía para a saúde.
· · ·
Guau, Brumm! 2/05/2014
Vaia por diante, teño dous cans, pero non moto nin quad. Gústame pasear onde a praia durante todo o ano, así que coincido con outras persoas. Algúnhas pasean, outras levan cans soltos, os menos con correa. Tamén hai motoristas como facendo un Dakar local, acometendo dunas a chimpos e levantando vexetación que non rexenerará. Non é raro cruzar un quad ou ver as indelebles pegadas que deixaron as súas rodas.
Aos meus cans gústalles a praia tanto coma min; corren pola area e métense nas charcas con gusto, pero tan so van fóra do verán, cando os areais están desertos e, sempre, camiñando ao meu redor; no meu peto van bolsas para retirar os seus excrementos, os demais non teñen que participar dos seus restos, o mar non ten que ser o limpador do meu paseo.
Cando leo que se propón Santa Comba como praia autorizada para pasear os cans en verán, lembro as parellas que poderían criar nela de pernileiro común e píllara papuda (o primeiro escasísimo en Galicia, a segunda cun plan de protección) de non ter a presión das visitas humanas e caninas. Sei tamén que hai na zona centos de quilómetros de pistas de terra, estradiñas e camiños con pouco tráfico e fermosas vistas para acoller eses paseos e así axudar a conservar a biodiversidade local. Hai alternativas ao lecer menos agresivas, con opcións de paseo ou práctica do motorismo respectuosas coas praias e os seus habitantes.
· · ·
Scouts 18/4/2014
Fanse en 2014 os cincuenta anos da creación en Ferrol do Grupo 19 dos Scouts. No cincento panorama que os anos 60 pintaba para a rapazada ferrolá, aquela iniciativa aparecida coas siglas de OPAM, Obra para Ayuda de los Muchachos, abría a vía que retomou o escultismo, mal visto polo réxime de Franco queza pola súa anglofobia ou xermanofilia, que tanto ten, o que obrigou a súa desaparición pública. A opción de facer actividades de aire libre pasaba entón polo tempo na aldea, que moitos tivemos a sorte de vivir, ou a pertenza á Organización Juvenil Española, a OJE, que garantía poder acceder a boas instalacións coma Gandarío. En torno aos "escaus" foise reunindo un fato de rapaces, logo tamén rapazas nas "guías", xuntos por un ambiente atractivo polo xeito de facer actividades variadas, -reunións, marchas, mantemento das modestas instalacións, a primeira banda de gaitas, campamentos, barcos..., nun réxime de autoxestión e responsabilidade persoal que está no cerne da iniciativa de Baden Powel. Dende logo era o máis parecido a un sistema democrático que se podía atopar naqueles tempos. Non sei os centos de xentes que pasamos polo 19, mais estou certo da positiva pegada desa experiencia na vida dos que logo foron soldadores, médicos, músicos, xornalistas, militares, ou profesores. A sociedade, en suma, beneficiouse daquela proposta para "deixar un mundo mellor que o que atopaches".
· · ·
Educación de chancla 04/04/2014
Hai un vídeo que circula polas redes (La chancla) que aclara con humor porque os nenos latinos "son tan bien portados", xa se decatan da orixe americana do documento. Nuns minutos a doutora Jennifer explica o por que da mellor educación da rapazada de familias latinas, cunha mostra de situacións nas que unha chancla -en Galicia sería unha zapatilla, cousas do clima- viaxa polo aire enviada pola experta man dunha nai, atenta a cortar ou emendar as pillarías dos cativos. Como ollo de deus que todo o ve, a nai omnipresente -por certo o pai está ausente neste modelo- leva as súas crianzas pola senda correcta.
O método da zapatilla estaba vixente a este lado do charco na miña nenez. Non era práctica na nosa casa, pero lembro a nais de amigos fieis seguidoras deste sistema destinado a esmorecer cos novos tempos, a incorporación da muller ao emprego e outros factores. Resultado, os nenos españois deixaron de seren exemplo dunha boa educación. A sociedade debe permitir á familia dedicar tempo e boas prácticas aos primeiros anos da nenez para formar a persoas responsables e felices.
A "zapatilla" de hoxe pasa por dedicación e actitudes coherentes e constantes, con normas claras e adaptadas ás circunstancias, como debe estalo o amarre dunha embarcación ás subas e baixas das mareas. E a sociedade debe facilitar a conciliación familiar necesaria para esa crianza responsable.

· · ·
Consumidores en acción 21/3/2014
Hai catro anos reflexionaba nesta columna sobre a comenencia de consumir no próximo, elixir produtos feitos no país, creadores de riqueza local, xeradores de emprego e demandantes de menor transporte -logo con menor impacto no cambio climático-.
A proposta daquela ía cargada de vontade e algo orfa de alternativas prácticas, mais revisando estes días o asunto atopo dous datos interesantes; por unha banda unha das actividades de maior reponte é tanto a venda de produtos alimentarios ecolóxicos como de bens fabricados por pequenas empresas. Souben ademais dun movemento denominado, fundado polo galego Miguel Conde -publicista de campañas como “Vivamos como galegos”- que propón decatarmos da nosa condición de consumidores para pasar á acción elixindo empresas que adopten un triplo etiquetado: o consabido PVP ou “custo do produto”, acompañado do “custo planeta” -a pegada ambiental do produto, case nunca incluída no PVP- e o “custo estado de benestar”, que recollería o cargo feito aos orzamentos públicos polo desemprego resultado das deslocalizacións ou malas praxes empresariais.
Utopía? O que paga manda, e non interesa ao cidadán mercar a empresas que producindo lonxe pagan impostos fóra, promoven o abandono do campo e as súas consecuencias, e cargan á sociedade o prezo de prescindir de instalacións industriais e das persoas. Unha revolución ao alcance.
· · ·
Raro, raro 7/3/2014
Vanme contestar ao que lles conto que “hai xente para todo”, e teñen razón. O refraneiro está cheo de explicacións sobre os gustos e afeccións de cada quen -sobre gustos..., sarna con gusto...- así quen se vai asustar.
O conto é que por iniciativa duns paisanos nosos, por estas datas do entroido e dende hai sete anos, celébrase unha singular convocatoria que xunta ao redor dun cocido a un lote -este ano unha corentena- de paxareiros e paxareiras para desvelar o resultado dunha democrática e secreta votación: cal é o RARO DO ANO. Enténdese por tal a combinación de ave e observador máis singular a xuízo dos votantes; non pensen que a cousa é doada, fanse nin máis nin menos que dúas voltas para declarar ese binomio de cita e citador na que se ten en conta tanto a rareza da ave como a dificultade para observala e identificala. Hai ademais un apartado, VAIA FOTO, que xa imaxinan que premia e, este ano votouse a cita histórica máis rara en Galicia (RARO LEGEND) e ao máis esforzado (RARO DE HONRA); toda nunha cerimonia tinguida de excelente humor á que asistiron xentes vidas das catro puntas de Iberia.
Podía isto semellar extravagancia, se non fora porque varias decenas de persoas peneiran voluntariamente o territorio con telescopios, binoculares e cámaras achegando xenerosamente unhas citas impagables -dito en senso estricto- da avifauna ibérica. Máis?, vexan travellingbirds.(no seu buscador).
· · ·
Costa, mar e políticos 07/02/2014
Como ben sabe un estudante de secundaria, a costa e o mar non estiveron sempre onde hoxe están; houbo intres xeolóxicos nos que se podería camiñar polo fondo dunha ría e outros nos que as augas cubriron o que hoxe é “terra firme”. Así foi e así será.
Cando a Humanidade acadou coñecementos de enxeñería comezou a construír peiraos e diques para facilitar a navegación: moitos deles aínda aguantan temporais. Pero no século pasado obras arrogantes traspasaron os límites do sentido común e da técnica, invadindo praias, dunas, esteiros e marismas, esquecendo que estas formacións -os humidais, lembrados pola ONU o pasado día 2- son un freo á acción das augas, amansando coa mobilidade de areas e lamas a forza transmitida polas ondas.
Xa na segunda metade do s.XX, a combinación da ambición do ladrillo, políticas consentidoras e técnicos ousados permitiu tapar con formigón o dominio das areas, causando cambios drásticos nas correntes e alterando a relación entre mar e terra. Deron, ademais, unha falsa sensación de seguridade aos cidadáns, expostos a seren arrastrados nun paseo urbano.
Convén apoiar unha enxeñería sensata e sostible, apoiada nas ciencias da Terra que fala, coma os vellos mariñeiros, que o mar sempre volve polo seu, e non insistir en solucións fallidas, enmendadas repoñendo os desperfectos ata a seguinte. Non están os tempos para cuspir contra o vento.
· · ·
Mentalízate na Escola 24/1/2014
A boa saúde mental, tal e como simplifica con humor un psiquiatra amigo, é o estado no que as persoas non manifestan síntomas de trastornos. Ese estado nos permite unha vida razoablemente harmónica e equilibrada coa nosa contorna para levar as contrariedades e ledicias da vida, que inflúen á súa vez, como non, na nosa saúde ou beleza mental, como algúns gostan chamar.
Aínda que os expertos no tema achegan moitos matices, o noso estatus mental depende tanto da nosa xenética como da influencia social. A herdanza biolóxica pode influír na manifestación de enfermidades que afecten á mente, pero os hábitos persoais e características familiares e sociais aceleran ou palian as súa aparición e consecuencias.
Xa que as estatísticas din que a probabilidade de que aparezan trastornos mentais ao longo da vida é dun vinte e cinco por cento, un de cada catro de nós vai padecer algún tipo de afección, temporal ou permanente.
Por iso é importante que o estamento polo que pasa o cen por cen da poboación, a escola, estea preparada para entender e contribuír nas súas posibilidades a este importante aspecto da saúde das persoas.
Campañas como Mentalízate 2014 nos institutos de Ferrolterra son valiosas por aportar experiencias e apoio a maiores, pero unha mellor conexión entre Sanidade e Educación é un asunto pendente para ensinar a máis importante das materias, aprender a ser feliz.
· · ·
Pequeno gran país 20/12/2013
Galicia é un pequeno territorio asomado a dous mares, apoiado no irmán Portugal e no bravo León, arrimado ao bosque astur, sucado polos mil ríos de Otero Pedrayo e o millón de vacas de Manuel Rivas.
Os humanos a habitaron dende hai miles de anos. Tiveron que labrar e manexar gado con enxeño para enriquecer unha terra, en contra das aparencias, pobre en orixe polas pedras que a asolan. A tecnoloxía das rozas para o cultivo de gran -cavando montes de fertilizadoras leguminosas, xunto co esterco do gando- permitiu alimentar a miles de bocas, ademais das troitas dos ríos, o peixe do mar e as algas para estercar as leiras das mariñas.
Esa Galicia labrega, gandeira ou mariñeira, segundo fora, escasamente industrializada, recibiu a partir do século XIX a futuros novos galegos vidos sobre todo do Bierzo, de Cantabria, de Cataluña ou do País Vasco que impulsaron o comercio, fomentaron industrias conserveiras, siderurxias, estaleiros industriais, fundaron bancos, transportes e outras actividades económicas, consideradas co tempo «do país», sumando unha nova e inédita burguesía ao pobo, nobres e clero.
Isto non sempre deu de comer á xente, e a migración espallou galegos polo mundo. E dese mundo veñen os que ogallá sexan futuros novos galegos, para manter banca do país, estaleiros traballando, para permitir que ás nenas e nenos a xogar nas prazas podan vivir neste pequeno gran país.
· · ·
PISA para Ferrol 6/12/2013
Estes días acudiron a portadas e análises os últimos resultados das avaliacións PISA sobre o sistema na OCDE educativo obrigatorio en tres áreas de coñecemento, linguaxe, ciencias e matemáticas. Seguro que xa lerían valoracións sobre o mediocre resultado de España e o desigual logro das súas comunidades autónomas . Saen en xeral as do norte mellor posicionadas e, nesta ocasión, Galicia logrou situarse en competencia lectora 3 puntos por riba da media da OCDE e 11 sobre a media española, progreso que atribúen os responsables autonómicos do ensino ao esforzo realizado en bibliotecas escolares e en programas de lectura. Tamén foron en ciencias máis alentadores os resultados, pese ao castigo sufrido nas sucesivas leis educativas. Así lembra a Consellería terse acadado “512 puntos, 11 máis cá media da OCDE, 16 máis ca media nacional e 6 máis ca o resultado galego no informe PISA 2009”. A matemática é a competencia que aínda queda en Galicia por baixo da media, pero como se reflexionaba neste xornal o xoves, nesta e nas demais áreas hai un labor por diante para orientar os saberes do alumnado, que os teñen, e mellorar a súa capacidade de aplicar á realidade os seus coñecementos. Algo así precisariamos para o resto da sociedade en España e Ferrolterra en particular: a avaliación precisa para saber ben as nosas debilidades e fortalezas e saír adiante facendo as cousas mellor.
· · ·
No News, Good News 22/11/2013
Pode ser verdade ás veces, non debe un preocuparse cando non hai noticias. Recorrese á frase inglesa cando a falla de novas léva á incerteza e dicimos, bah! non te preocupes, se houbera algo malo saberiámolo de contado, as malas noticias viaxan axiña...
Pero o naval de Ferrolterra leva demasiado tempo sen boas noticias. Ou non as hai ou as que chegan son demoledoras, como as dos últimos días, cando se sabe que nada se pinta na construción de catro gaseiros, de México sabemos que a súa grande Poniatowska gaña o Cervantes e nada de dous seguros “floteis”, o dique de reparacións flotante anda perdido nunha consulta a Europa, e das brumas da memoria recente aboia como Noruega ten a deferencia de repetir un concurso porque Navantia presenta unha oferta por riba do orzamento de licitación e a empresa envía outra nova, tamén con sobrecoste!
Para os que non “estamos dentro” -e seguramente para os traballadores que si o están- a pregunta é si realmente os responsables de Navantia están a facer a mellor xestión técnica e comercial co mellor apoio político posibles. Si é así e non se conseguen contratos porque a competencia é mellor, mal asunto. Pero moito peor se non se pon toda a carne na brasa, como recentes declaracións do presidente da Xunta e do alcalde ferrolán deixaron entrever. Xa abonda de medias tintas, Galicia non pode permitir unha terceira desfeita no naval.
· · ·
Máis e menos 8/11/2013
O teclado aberto e o folio virtual esperan a que os dedos expliquen os pensamentos que a mente acumulou estes días. Piden paso primeiro os exemplos de talento e creatividade de galegos e españois espallados polo mundo, voluntariamente ou forzados pola crise, actuando como embaixada solitaria do que son os nosos valores como sociedade. Que os temos, e ben positivos. Tamén están aquí, loitando no país, facéndonos redescubrir a nosa capacidade de resposta e solidariedade ante situacións adversas, e digo redescubrir, pois os que vivimos outras crises sabemos da capacidade de loita, de tirar para adiante presente entre nós. Estas son reflexións do “máis”, pero tamén xorden as do “menos”. A constatación dos nosos vicios sociais están aí, descubertas por medios de comunicación, xuíces e redes sociais. Doe cando entre a imaxe do espello da corrupción ou dos abusos de poder recoñecemos as nosas familiares imaxes deformadas. Descubrir aos heroes e aos viláns entre nós é un exercicio de realismo e madurez imprescindible para saír desta dura etapa saneados e fortalecidos, e nunca como ata agora está ao alcance do cidadán tanta información cualificada sobre o que pasa e por que pasa. Nunca houbo tanto interese por entender de economía, de cuestionar a operatividade do sistema político e das administracións, nunca se valorou tanto a sanidade, e o ensino. Nunca vimos a ameaza tan certa.
· · ·
Traballo seguro 25/10/2013
O que hai que oír e ver dalgúns políticos está a pór a proba a intelixencia e a paciencia da xente. Xa non é que se crucen sen o máis mínimo rubor “liñas vermellas” do cada volta máis ameazado estado de benestar -saúde, educación, asistencia social-, faise ademais co uso da prepotencia, das verdades a medias ou coa mentira.
Cando se publique esta columna saberase o resultado das primeiras convocatorias de folga no ensino que conseguiron poñer de acordo a todos os sindicatos, alumnado, asociacións de nais e pais e profesorado. Claro que este móvese por ter “traballo seguro”, como fixo saber a señora secretaria de estado o mércores pasado, nun intento de dividir ás familias do profesorado, pero ambos estamentos sofren os efectos das medidas de restrición que castigan ás familias con recortes en prazas de gardería, becas, comedores e axudas para libros e aos docentes coa xeneralización das vinte horas lectivas, aulas a tope, conxelacións salariais, eliminación de pagas, penalización nas baixas médicas e demais medidas arbitrarias que asolan ao funcionariado, condenado a desculparse por terse esforzado para gañar unha dura oposición e un concurso de traslados.
Pero estes sacrificios terán compensación, a lei do autocualificado “portento de humildade” señor Wert vai solucionar tódolos males do ensino cunhas alcanforadas receitas que van necesitar moito traballo, seguro.
· · ·
A educación dos adultos 11/10/2013
Temos unha educación tan mala? Están en solfa estes días os pobres resultados obtidos pola poboación española entre 16 e 65 anos no estudo da OCDE coñecido como “PISA de adultos”. Lamentablemente as opinións dos expertos están sepultadas por información superficiais de moitos medios -reproducindo os gráficos do estudo sen máis análise- e a sentenza lapidaria do goberno, atribuíndo a culpa á LOXSE e LOE aprobadas en gobernos do PSOE. Como non!
Pero hai que lembrar que antes da Ley General de Educación de 1970, poucos homes e menos mulleres remataban o bacharelato -non digamos estudos universitarios- e aquela EXB e BUP, xunto cunha FP orfa de medios, non chegaban á totalidade da poboación. A LOXSE, en 1990, supuxo a escolarización de 6 a 16 anos de toda persoa residente en España. Este feito, xunto coa entrada dun gran número de profesorado ao sistema a partir das oposicións de 1978, permitiu un avance histórico na formación media dos nosos cidadáns, levándoa dende unha situación de analfabetismo real ou funcional a unha situación onde Francia, máis rica e sen ditadura, está a un paso en comprensión lectora e a tres en matemáticas. En suma, a franxa de 55-65 queda peor pois non estudou ou o fixo en malas condicións, os de 45-54 quedan normal e os máis novos están medíndose co pelotón de cabeza dos países ricos. Vai a “Lei Wert” a mellorar esta situación?.
· · ·
Antes do lume 27/9/2013
Este ano Ferrolterra e Ortegal foron librando de lumes importantes coma os que devastaron sin piedade tantas zonas de Galicia. Sexa pola maior rendibilidade das súas explotacións forestais, sexa a crecente organización de propietarios de montes e comuneiros, o caso é que as terras ao norte de Ares a xeografía do lume cambia.
Os seguintes lumes colleranos como os anteriores, pero con máis combustible nos montes, agás contados exemplos, as cortas deixan miles de toneladas de biomasa sen aproveitar e como combustible potenciador dos lumes que veñan. Que virán. Virán mentres non mude o modelo de explotación forestal galego para adaptarse á realidade dun rural despoboado e de propiedade fragmentada. Ese cambio ten que vir facilitado por iniciativas políticas serias e decididas na liña da prevención pola posta en valor do monte, máis que nas derrotas cantadas da extinción.
Neste verán tan castigado polo lume tivo lugar un fito importante, coa entrega ao presidente da Xunta das propostas para o mellor aproveitamento do monte galego, elaboradas de balde pola Asociación de Bolseiros da Fundación Barrié e o Boston Consulting Group (LVG, 2 de setembro). As medidas propostas, alén do seu impacto -2.700 millóns e 21.000 postos de traballo- teñen unha notable virtude: non precisan de tecnoloxía e inversión foráneas, dependen de nós. Cultivemos coma novos galegos, que diría o anuncio.
· · ·
Aires de agosto 30/8/2013
Cando tiña menos anos algunhas sentencias e reflexións de xente maior chocaban coa miña percepción de entón. Unha delas, ben repetida, era o anuncio a primeiros de agosto do fin do verán: Aiii, xa os días van a menos!, Xa non vai a mesma calor! Xa refresca polas tardes...! Debo ter pasado algunha invisíbel fronteira, necesaria para interiorizar aquelas salmodias e ser quen de captar as sutilezas traídas pola atmosfera destes días neste aínda fermoso -no meteorolóxico- verán. As raiolas do sol do serán nalgunha praia ao socairo pintan corpos de nenos atarefados nos últimos castelos de area antes de retornar a aulas e libros, dourando por igual corpos surfeiros e engurras de vellos bañistas. Paseantes, ciclistas, visitantes apurando estadías animan a paisaxe humana, poñendo un breve compás de espera ás friaxes e escuridades do outono en aldeas, vilas e rúas urbanas. Pero en Ferrol a coda final -sigamos coa imaxe musical, interesa para o remate- a poñen os fogos de San Ramón e, xusto antes dende hai vinte e un anos, o concurso de gaita Constantino Bellón. Este ano dúas gaiteiras e seis gaiteiros competirán no Teatro Jofre onde o musicólogo e artesán Pablo Carpintero recibirá a Gaita de Ouro e saberemos quen gañou o concurso de composición. Un “tres en un” de luxo da gaita galega organizado polo Ateneo Ferrolán pese á adversidade. Lembren, o 31 ás 20 horas. Antes dos fogos.

Cuestión medular 16/08/2014
O corpo humano é unha unha marabilla biomecánica: a masa corporal mantense erguida pola disposición dos osos, músculos e tendóns. Este conxunto de tecidos colaboran para permitirnos, non so vencer a gravidade terrestre, tamén desprazarnos ou facer movementos corporais de gran precisión. Todo isto precisa da coordinación do encéfalo   e os seus recadeiros, os nervios, que formando parte da medula espiñal protexida polas vértebras, saen da columna para levar e traer ordes á periferia. Esta harmonía pode verse interrompida por doenzas, pero son de lonxe os traumatismos causados por accidentes de tráfico, de traballo ou por actividades de lecer as causas máis frecuentes de lesións medulares que poden transformar unha tranquila xornada laboral ou un momento de diversión nunha traxedia.
O verán é unha época pródiga nestes problemas; traballos na agricultura e na construción, o uso de vehículos e as actividades acuáticas multiplican as ocasións de descoido ou fatalidade. Sábese e lémbrase o uso do cinto de seguridade nos coches, casco e roupa axeitada nas motos, o non tirarse de cabeza en augas de fondura descoñecida: poden marcar a diferencia entre o susto e o problema. E si o accidente ocorre, lembrar que a boa manipulación do lesionado por persoas coñecedoras pode evitar o aumento dos danos. Unha consulta ao 112 pode axudar a facer as cousas ben, e o sentido común a aforrar esa chamada.
· · ·
Graduacións 24/6/2013
Vale, somo un país cosmopolita, recoñezámolo. Por milenios foron chegando ondas de migración a colonizar estas afastadas terras, a negociar cos seus minerais e outros produtos. Recibimos a fenicios, gregos, romanos, monxes irlandeses fuxidos, viquingos e árabes -máis interesados en levar “souvenirs” que interesados en asentarse aquí- ou peregrinos á procura da compostelá.
Tamén mandamos ás nosas xentes aos catro ventos, ata incluso converter en “gallegos” a todo hispano que asome polo Río da Plata para abaixo. Por iso non me estraña a facilidade coa que por aquí se acollen as costumes de fóra, incluso con demasiada facilidade diría un, vendo como nos desfixemos sempre de todo o que consideramos “vello”: vellas casas, mobiliario, trebellos domésticos. Incluíndo ao patrimonio inmaterial, xa saben costumes, contos, música. Ben é certo que chegada a democracia formal destinouse cartos e entusiasmo á recolleita e musealización do aínda non perdido, grazas a iso aínda se chegou a non tirar ou queimalo todo.
Pero non hai mal que por ben non veña, e entre as novidades temos as “graduacións”, xa saben esa novo xeito de chamar ás celebracións de “fin de curso”. Estaba eu encaixando as de segundo de bacharelato, cando me contan que xa se fan “graduacións” de gardería, de primaria e de secundaria! Claro que hoxe non é necesario ocupar fisicamente unha colonia, para iso está a tele.
· · ·
Praias, para todos? 31/5/2013
Repito titular de hai case un ano, pero co interrogante final que debemos e podemos respostar entre todos. Cal é problema? Ata hai pouco faltou a visión de que os areais das praias teñen algo máis que area onde poñer a toalla, botar a pachanga ou deixar correr os cans en liberdade. A praia é de todos dise, incluso por quen a atravesa coa moto ou quad. tatuando as dunas ao seu xeito. Para non falar do espolio que levou durante décadas o xabre a miles de construcións da bisbarra.
Incluso as administracións públicas esqueceron clamorosamente a obriga de custodia dos valores naturais da costa ata que, hai ano e pico, se elaboraron os primeiros plans de protección de dúas especies ameazadas veciñas das praias e humidais galegos, a Píllara das dunas e a Escribenta das canaveiras. A primeira delas é a que ven de levantar unha polémica de doada solución: trátase dunha pequena ave que aniña entre o cascallo da ribeira, pasando tan desapercibida para os humanos que as ameazas principais son os tractores de limpeza das praias seguidos dos cans ceibos. Unha necesaria coordinación entre administración autonómica e local debería poñer punto a un falso conflito, aclarando as medidas necesarias no período de cría. O mesmo que ninguén iría por carril contrario, tampouco deberiamos pretender facer actividades que afectan a quen non pode defenderse. Praia si, pero non para todo.
· · ·
Fragas do Eume 16/5/2013
Onde está a esencia dun país? No seu patrimonio histórico? No seu patrimonio natural? No seu patrimonio inmaterial? Nas súas xentes? Hai enclaves que respostan a pregunta coa súa soa presencia, coa súa existencia, e as Fragas do Eume é un deles, quizais o máis impresionante de Galicia. Non compite en monumentalidade con San Estevo de Ribas de Sil, con Sobrado dos Monxes ou con Oseira, pero a sinxeleza da súa fábrica, rematando no angosto outeiro cinguido polo Eume e o seu afluente, o Sesil, deixa ao camiñante engaiolado pola beleza do conxunto.
A acertada restauración facilita a visita: os accesos, servizos e unha pequena cantina compoñen uns elementos mínimos para unha visita grata. Estacionalmente, as visitas guiadas engaden maior interese. O bo tempo do pasado domingo animou a centos de persoas a facer o camiño dende Ombre a pé, en bicicleta ou automóbil, nesta tempada permitido e substituído por un autobús que fai de lanzadeira dende o Centro de Visitantes deste Parque Natural, distinguido por conter o mellor e máis setentrional mostra de fraga atlántica, con permiso da do río Belelle, moito menor. Porén o Parque segue sen Plan de Uso, unha demora que as autoridades ambientais deberían solucionar de vez ,para conseguir a mellor xestión dunha das zonas protexidas máis populares e atractivas do país. Os concellos limítrofes o precisan e os visitantes o agradecerán.
· · ·
De ben nacidos 3/5/2013
É ser agradecidos. O pasado sábado, nun ateigado auditorio do Toxos e Froles, os asistentes que enchían o seu aforo -quedou xente fóra e outros seguiron o concerto de pé- recibimos o regalo de escoitar nin máis nin menos que ao vasco Kepa Junquera e aos músicos de La Musgaña Carlos Beceiro e Jaime Muñoz. Un luxo de programa pola categoría musical de todos eles, figuras de referencia da música de raíz en España, tocando nun entrañable formato que permitiu apreciar a súa altura musical e tamén percibir a riqueza humana destes grandes músicos. Percibila como? Pois no discurso que un formato destas características permite, cunha proximidade entre público e músicos que outros auditorios non favorecen. Así, todos eles enriqueceron a música con datos sobre as súas orixes, anécdotas frescas do longo camiño andado e xestos que falan por si, como a emocionada dedicatoria que Carlos e Jaime fixeron á xeración dos seus pais. Unhas xentes que tiraron para adiante nuns anos nos que nada era doado, nos que o material era escaso e a sociedade non tiña máis colchón social que o propio traballo ou a solidariedade das familias e os veciños. Falamos dos anos cincuenta ou sesenta, non do século XIX, antes deste “estado de ben estar” que nos furtan arteiramente, con escusas tramposas e impresentables. Toca facer coma os pais de Carlos e Jaime: demostrar que outra versión deste país é posible.
· · ·
SGHN e Ferrol 5/4/2013
Ocupar portadas no principal xornal de Galicia e unha páxina nun dos principais rotativos de España non é doado. Especialmente nestes días de novas tan deprimentes e reiteradas como a chuvia que non nos deixa. Pero atopar oco durante dous días xa é unha fazaña, máxime cando a noticia ten carácter científico: a quen lle importa a aparición de catro especies duns raros cetáceos xa extintos coa que cae de economía, de xudicatura, de ética cidadá?
Pois posiblemente o interese teña relación coa cidadanía, porque foron centenares de persoas as que dende 1979, cando se instalou a delegación da Sociedade Galega de Historia Natural en Ferrol, fixeron posible ese modesto gran tesouro que é o Museo e Biblioteca da Natureza. Xentes interesadas, pero por coñecer mellor o medio natural, interesadas en divulgalo para que a ignorancia non sexa a causa, interesadas en defendelo coas febles armas do coñecemento e a razón.
Foron moitas as persoas que aportaron materiais, información, iniciativas e tempo, moito tempo de voluntariado para ir construíndo o fondo museístico, xa de luxo en canto os cetáceos. Tamén para facer pescudas científicas, campañas de divulgación ou recuperar focas, tarefas que acadaron o recoñecemento de Ferrol, incluíndo as corporacións municipais que tiveron visión para conveniar o local do antigo hospicio e apoiar o futuro dun museo da natureza con pasado e presente.
· · ·
Máis madeira, máis coidado 22/3/2013
Como o empeño desta columna é buscar o enfoque positivo que (case) sempre ten todo asunto humano, aplaudo a iniciativa do concello de Cedeira de habilitar lugares para o depósito de madeira procedente das cortas dos montes e invito ao concello de Ferrol a facer o mesmo. Trataríase así de conciliar os interese da explotación forestal coa conservación dos camiños e estradas polas que acceden a vivendas e propiedades os veciños das parroquias lindantes coas explotacións madeireiras; é dicir centos de quilómetros en calquera concello galego, especialmente os da banda costeira baixo os 400 m de altitude, que teñen a agridoce honra de producir boa parte do eucalipto galego, vale a dicir ibérico. Sen entrar en temas ambientais e paisaxísticos, o problema da explotación forestal galega é a atomización da propiedade, en vías de solución nos concellos máis produtores coa aparición dun crecente asociacionismo para racionalizar gastos de explotación e pactar mellores prezos. Ferrol non parece ter entrado aínda nesa onda, e os veciños do rural pagan a falta de control de maderistas desaprensivos. É necesario facer cumprir as normas en vigor e, para poñer a racionalidade que harmonice a industria coa conservación, buscar terreos municipais e comunais para depósito da madeira. Todo menos camións de máis de 30 toneladas esnaquizando estradas prohibidas a esas cargas.
· · ·
Barómetro 8/3/2013
Ven de publicarse o avance da enquisa de febreiro do CIS. O Centro de Estudios Sociológicos entrevista a 2500 persoas cada mes, agás Agosto, para elaborar os seus Barómetros. Estes traballos pretenden un retrato do estado de opinión cidadá preguntando un conxunto de indicadores fixos que permiten seguir a súa evolución; tamén usa outros indicadores variables para saber de temas concretos. Esta entrega recolle algo esperable: as principais preocupacións cidadás son o paro e a economía, poñendo negro sobre branco as angustias dunha sociedade posta fronte ao espello que reflicte os seus valores e miserias das últimas décadas.
Mais a atención fóiseme hoxe ao apartado da valoración das distintas profesións: as dúas máis estimadas son "médico" e "profesor". Os datos (http://datos.cis.es/pdf/Es2978mar), que non debería deixar de ler os usuarios e, especialmente, os responsables de sanidade e educación, recollen o aprezo social destas dúas profesións. Afonda máis no profesorado, afinando nos niveis de infantil, primaria, formación profesional e universidade, coincidindo bastante os resultados coa percepción de boa parte da docencia no canto das dificultades de atender ás novas demandas, vidas dos cambios sociais e administrativos dos últimos lustros. En suma, si a sociedade fala polo Barómetro, estase a recoñecer, apoiar e solicitar ás profesións que máis directamente tratan con humanos.
· · ·
Faro de cine 22/2/2013
Programa sobre cine nunha radio española. Tras dos resultados dos Premios Goya, o comentarista louva moi positivamente o cine de animación galego, poñéndoo non so á cabeza do que se fai en España, senón subliñando a positiva valoración que del fai o sector mundial desta especialidade cinematográfica. A explicación? O experto cita ademais do talento, presente en principio en calquera parte, á acertada política de apoio a esta industria cultural (ou cultura industrial?) seguida nos últimos lustros. Apoio institucional resumido polo Consorcio Audiovisual de Galicia, cando recolle que dende 1994 xurdiron unhas cento cincuenta empresas produtoras. Ademais etas aumentaron dende entón tanto a facturación, un 300%, como a calidade, recompensada nos últimos anos por importantes premios españois e internacionais. Fitos como que “O bosque animado” fora a primeira animación europea en 3D, ou o recentes premios Goya a “Enrugas” dirixido tamén por Ángel de la Cruz, como mellor longametraxe de animación e mellor guión adaptado. Hai un produto galego recoñecido mundialmente cando hai apoio ao talento creativo e á iniciativa emprendedora. Cada euro destinado a cultura ou a ciencia multiplícase non so polo necesario retorno económico, tamén polo prestixio país. Como recomendaba o experto en cine, “copiemos a Galicia”, un pequeno país con 2,7 millóns de habitantes de onde sae tan boa cousa.
· · ·
Custodiando o territorio 27/01/2013
Hai moitas cousas que están a cambiar ante os nosos ollos. Usos, costumes e paisaxes familiares ata hai nada están índose sen decatarnos, outros xa son historia ou lembranza das xentes que os viviron. Estes procesos aconteceron sempre na historia da Humanidade, os cambios tecnolóxicos e sociais levaron a usos distintos do territorio.
Pero antes destes tempos nos que a palabra crise acaba actuando de anestésico social, pioneiros en Galicia como a asociación Ridimoas, que comezou en 1988 o camiño para xestionar hoxe 500 hectáreas no Ribeiro -a maior parte en propiedade- para conservar paisaxes e patrimonio ou, no concello de Ferrol, o Proxecto Esmelle, iniciativa da súa asociación de veciños, materializando acordos coa propiedade de cesión de muíños e lavadoiros para a súa restauración por voluntariado. Noutras iniciativas galegas como o programa Ríos de Adega ou Fragas do Mandeo, activa fundación dedicada ás terras do río Mandeo, integrada por entidades conservacionistas -Rabo de Galo, SGHN, Hábitat- e outras, ademáis de moitas persoas que apoian con doas a merca de terras. Todas estas e outras iniciativas están inspiradas nun movemento nado en EE.UU a finais do XIX e espallado por todos os continentes para que entidades sen lucro promovan a conservación de terras que, doutro xeito, terían un escuro futuro. Afortunadamente, hai xentes que miran polo país.
· · ·
Malata viva? 2 8/2/2013
Hai case dous anos, o 16 de abril de 2010, este título, sen interrogante, encabezaba esta columna para falar do proxecto de tren ao porto exterior. Comentabase entón o triste destino dunha das máis productivas enseadas da ría, polas sucesivas obras que foron reducindo o seo perímetro e convertíndoa nun vertedeiro mal comunicado co mar. Os poucos datos sobre as obras anunciadas, a comunicación ferroviaria co porto exterior, apuntaban a que de novo Ferrol e a súa maltratada ría poden verse baixo criterios que non respecten a contorna. Noutros foros, persoas máis expertas puxeron en cuestión a solución pola que parece optar Fomento, difundida e cunha tramitación chocante, cando licita o proxecto, cumprindo iso si os prazos anunciados, sen ter rematada e publicada a obrigada Declaración de Impacto Ambiental. A ministra Pastor coñece ben Ferrol, e non dubido de que desexa contribuír a frear o terrible declive da comarca tras estes anos de crise devastadora e o porto, xa que está aí, debe contar coas vías que poden poñer darlle unha opción de futuro. A pregunta é, a que prezo? Témome que de optarse por pasar o tren sobre as augas da ría, demasiado alto no económico, no social e no ambiental.
· · ·
Daniela, segue a vida 11/1/2013
Pasadas unhas horas tras o comezo do ano chegou Daniela, a primeira ferrolá do 2013. Un regalo para a súa familia, para a cidade e para Galicia. A felicidade dun nacemento debe alentar a quen pode axudar a manter ou mellorar as súas condicións de vida futuras, vale dicir todos nós. Haberá quen argumente que uns máis que outros, pero os pobos son da caste das xentes que os forman, e aí está sen excepción quen naceu ou decidiu vivir aquí.
Por cousas de santoral, o santo patrón de Ferrol, o San Xiao, cadra en sete de xaneiro. Nese día a corporación municipal renova a irmandade coa cidade de Lugo e recoñécense ás persoas ou institucións máis destacadas do ano. Dentro da importancia de todas as elixidas este ano -unha vida de investigación, a promoción internacional do surf, a iniciativa a prol dos discapacitados e a iniciativa empresarial naval alén de Galicia- vese un fío común, a superación de situacións adversas, a capacidade de actuar, de levar adiante actividades que abriron e abren perspectivas á comunidade.
De todo iso sábese bastante nesta terra: de traballo, de creación industrial e, tamén, de emigración. Temos bos exemplos para imitar e malos exemplos para evitar, por desgraza estes últimos escandalizan e poden desmoralizar polas súas fachendas, non quero falar agora delas. Prefiro elixir ás mellores, ós mellores para Daniela, que merece un país decente.
· · ·
Os Cempés 28/2/2012
Que se pode dicir da música aínda non escrito? Que é a arte máis incisa, a que nos chega máis fondo e rápido? Bo tema para debate nunha tarde de inverno, mais agora o que me chama é a necesidade dos humanos de ter ou facer música na súa vida. Sexa clásica, de novidade rabiosa, nanas maternas ou temas populares, algunha melodía é quen de aledarnos, facernos chorar ou traernos evocacións de momentos do pasado. Por iso os facedores de músicas, criadores de maxias sonoras, contan sempre coa estima de humildes e poderosos, agradecidos do seu poder creador, por obter o regalo da súa imaxinación. O que Gutenberg fixo por difundir o escrito, Edison o fixo pola música: Os medios de reprodución -cilindros, discos, cintas- popularizaron a música, enriquecendo ás discográficas. Despois veu o dixital e, xa saben, a facilidade de reproducir gratis e repartilo ao instante polas redes puxo á industria na situación na que está. Pero xorden novas formas de promoción como o “crowd funding”, webs que posibilitan que un proxecto musical vexa a luz gracias a modestas achegas de xente que aposta por facelo realidade. Máis de setecentos entusiastas conseguiron Os Cempés, un grupo moi querido polo público, para o seu disco Tentemozo. Grande. A cambio, dende discos dedicados a concertos exclusivos segundo o aportado. Ah, se queren escoitalos hoxe en directo, están en “sesión vermouth” en Cantón Vello.
· · ·
Regalos de inverno 14/12/2012
Pensaba noutro título para estas liñas: Purga. Ía escribir sobre algún dos vomitivos acontecementos de crise que choven decote sobre os sufridos lectores de prensa ou atordan dende radios e teles os sentidos, especialmente o da xustiza. Decidín deixar ese labor aos profesionais bragados na notaría das obrigadas novas do día, non teño agora o corpo para iso. O aire fresco do serán tróuxome outros motivos máis acordes co encabezamento desta columna; son pequenos regalos do frío, xa saben, cousas sen importancia como follas amarelas no camiño, un paporroibo descarado fitando dende a póla, a carreira dunha raposa entre a neve, unhas mazás tardeiras penduradas nun pomar sen follas, o son da auga polo regato abaixo, o bater das ondas resoantes tras da marusía, o brillo dunha raiola nas pingas do relente da mañá, o neno abrigado correndo no parque tras da pelota, a parella de velliños botando bafo pola boca mentres se contan a saber que. Cousas, en fin, sen valor material, incluso nin emocional ou estético para depende quen. Pero a min parécenme gratos obsequios do frío para levar mellor estes días tan cansos, especialmente para os convencidos do remate de todas as cousas, incluso as malas. Nesta lenta e probablemente necesaria travesía da crise, cómpre ir quedando coas caras dos caras, camiñando vagariño mentres apreciamos o cheiro dunha cheminea acesa. Mellor así.
· · ·
6 millóns 30/11/2012
Son os litros do leite entregados cada día polas granxas galegas á industria. Hoxe foron a parar aos tanques de frío, aos depósitos de purins ou, no peor dos casos, aos campos. De aí irán aos regatos, aos ríos, ás rías. Da gravidade do problema social e económico non podo mellorar o que se está a dicir nos medios: o modelo produtivo actual non é sostible cos prezos que se pagan, ao non cubrir os custos de explotación; especialmente os dos grans e do gasóleo, incrementados de tal xeito que as necesidades das vacas leiteiras de alta produción sobardan o percibido polas granxas. Algunha ficha terán que mover as autoridades agrícolas tanto nas medidas corto prazistas, para mitigar as situacións máis extremas, como para acometer dunha vez vías sostibles de solución. Non se entende a que se espera para promover o uso de miles de hectáreas de prados e cultivos a barbeito, cando a dispoñibilidade de terras permitiría a moitas explotacións producir alimento para gando reducindo a dependencia externa. Os expertos reclaman vías de aluguer de terras para que a cabana galega coma tamén produtos da terra, posibilitando así competir en calidade ou ofertar produtos ecolóxicos. Hai iniciativas así, pero necesitase máis, xa. Estas liñas queren engadir á preocupación social a ambiental; as granxas de leite e carne, os criadores de cabalos axudan a manter o medio, outra boa razón para apoialos.
· · ·
Fermosa invasora 16/11/2012
O seu nome máis espallado, Herba da Pampa, refire a súa procedencia do Cono Sur americano, pero hoxe poderíase nomeala en decenas de linguas, tal é a expansión da súa distribución mundial. Esta fermosa planta, unha herba que pode superar os tres metros de alta, con brancos penachos de flores capaces de producir máis dun millón de sementes, é xa nunha ameaza para o medio ambiente. Nos últimos anos as súas follas longas -perigosas pola presenza de cristais capaces de producir feridas por corte- e as súas extensas raíces están a desprazar á vexetación natural ou cultivada de boa parte do norte peninsular.
Como chegou ata nós? A espesura das súas matas e a beleza dos seus penachos levou aos responsables da autoestrada AP-9 a plantar miles de pés na medianeira entre A Coruña e Vigo. Pese a que, detectado o problema de invasión, a concesionaria intentou a súa eliminación, o mal estaba feito: unha gran cantidade de Cortaderias aparecen progresivamente en terras moi afastadas dos focos de propagación orixinais. Súmese a isto que a especie aparece en xardíns particulares e incluso municipais. Nos últimos anos iniciativas de administracións e grupos ambientalistas están a dedicar esforzos para erradicar a especie de lugares sensibles, pero os expertos están de acordo en que se necesita unha actuación rápida e sostida para non converter a nosa paisaxe nunha Pampa montañosa.
· · ·
Consellos Escolares 2/11/2012
Novembro trae cada ano a repetición de vellas celebracións que se perden na memoria dos tempos. O antigo samahín, na lúa chea entre o equinoccio de verán e o solsticio de inverno marcaba o cambio de ano.
Mais cada dous anos, o mes convoca tamén á renovación dentro das comunidades escolares, cambiando parte dos compoñentes dos seus consellos escolares. Esta semana que anda veu o inicio dun proceso -bastante complexo, créanme- no que o alumnado e as súas familias ou titores, o persoal non docente e o profesorado está convocado a presentar as súas candidaturas para renovar parcialmente aos representantes neste órgano de goberno dos centros. Que os consellos escolares son algo así coma o parlamento no que se debaten e aproban os principais documentos que rexen os centros, onde se toman os acordos sobre as actividades, proxectos e iniciativas a levar adiante en cada ano escolar. Deles saen ademais a comisión económica, que entenderá dos orzamentos, e a de convivencia, que seguirá esta importante cuestión. Por iso as humildes eleccións a representantes nos consellos escolares deben ter o eco necesario, pola importancia que teñen na vida dos centros. Son, ademais, un exercicio de democracia directa, ao poder postularse calquera dos membros da comunidade escolar. Da súa participación durante os próximos catro anos depende a vitalidade e saúde participativa dos centros. Sexa.
· · ·
De reflexións 19/10/2012
Estas letras sairán entre a convocatoria de folga no ensino do xoves e as eleccións do domingo. Saberase xa a repercusión da convocatoria da Confederación Española de Asociaciones de Padres y Madres de Alumnos para que as familias non leven ao alumnado aos colexios e institutos públicos. Dura forma de protesta pola evolución e perspectivas do ensino, nunha etapa en que boa parte da esperanza de futuro está en ter xente formada que axude a non perder xente formada polo furado migratorio. Pero a CEAPA e moitos outros ven con fonda preocupación as liñas dunha nova reforma pouco alentadora para os sectores con menos recursos. Por outra banda, o domingo temos a responsabilidade de votar. E na rúa está un inédito grao de preocupación que vai máis aló de a quen votar, de acertar na elección. Preocupa como recuperar a Política -con p maiúsculo- para afrontar os nosos graves problemas con seriedade, e para iso non parece a mellor ferramenta un modelo electoral pechado, cunha interacción nula entre representantes e representados, tanto que non se entenden moitos dos disparates agora evidenciados sen un illamento lamentable dos gobernantes. Urxe tirar dun meditado “agora xa foi” para reconducir a nosa situación, como sociedade necesitada de repensar os seus valores e acertar en renovarse, nun modelo sen concesión ao descontrol financeiro ou administrativo. Vainos o futuro niso.
· · ·
Trinta e sete 5/10/2012
Meses. Son o prazo de execución das obras anunciadas o martes pola directora xeral de Aquanorte para a construcción do interceptor xeral da ría. Para entendermonos o conxunto de tubarías que levarán as augas negras do norte da ría de Ferrol á depuradora de Prioriño, que acumula longos meses rematada e sen funcionar. Trátase nin máis nin menos que de reconstruír 9.500 metros de colectores dañados pola tardanza da depuradora e máis de 10.000 metros de novos colectores, necesarios para que as augas e contaminantes de retretes, duchas, lavadoras, lavalouzas e demáis dende Narón a Ferrol podan seren depuradas, en troques de contaminar. A pregunta do millón vai de cómo foi posible programar a construcción dun sistema complexo sen a secuencia necesaria para o seu conxunto. Especialmente se temos en conta a necesidade de levantar de novo rúas e parques, algúns rematados non hai moito, para pasar os colectores de augas e recoller resíduos de edificios construídos hai décadas.
Ogallá que acerte a directora, e a fins de 2012 comecen a chegar as augas residuais á depuradora, aínda que non sexa a totalidade. Axudaríase así a pisar o freo da contaminación das augas da ría para a súa beira norte, pero queda o aporte dos concellos do sur, cunha depuradora aínda por construír. Resistiran os pósitos estes prazos ou pasará o marisqueo seguro ao pasado? Esperemos un final feliz e curto.
· · ·
Ensino e autoestima 21/9/2012
O constatan estudos de anos recentes, a visión dos españois sobre si mesmos é peor da que se ten dende fóra. A opinión xeneral sobre o funcionamento do país expresada en charlas de casa, traballo ou café, tende a pintar panoramas sombríos sobre a nosa realidade, o funcionamento das nosas institucións e empresas (e si o facemos ferroláns, máis). Certo que moitas fixeron méritos sobrados para sementar a desconfianza; aínda estamos inmersos no asombro causado polas desfeitas de moitos dos nosos xestores financeiros e políticos destapadas pola crise e os “malos” medios estranxeiros. Con pasmo descubrimos cal era a solidez real de certa banca e o dubidoso acerto dirección económica do país dos tempos recentes. E o que nos queda.
Pero indo, como recomendaba Manquiña en Airbag, ao “conceto” de autoestima, cómpre facer un exercicio de espabile urxente para atopar un necesario equilibrio, oigan, que logo os trasplantes funcionan, os paquetes chegan a tempo, a luz non falla, os transportes públicos cumpren -na súa escaseza- e os cursos escolares comezan. E aí vou, aos escolantes de estrea de mesa e caderno en escolas e institutos. Estas xentiñas non teñen culpa do que xa pasou, e van ser os futuros responsables do país. Por iso debemos traballar honesta e eficazmente profesorado e familias a súa formación e conseguirlles autoestima da boa, sen fachenda nin complexos.
· · ·
Onte soñei 7/9/2012
Non sei se pola noite ou pola mañá, quizá á tardiña fora, estou seguro que foi tras pechar o último xornal, de escoitar o resume final da emisora, de apagar canso o televisor e darlle unha última ollada á pantalla da tableta. As noticias do día, dos meses pasados oíndo o balance de opinións, pronósticos sobre a crise económica, a crise social, a crise de valores que nos trouxo aquí, alzaronse ao fin como un tsunami de impresións e me fixeron soñar.  Soñei, quizá como Martin Luther King, un país anovado, un meu país onde as xentes podan vivir dignamente, onde non se lle riran as gracias aos sinvergonzas usuarios do poder, aos malversadores dos recursos de todos, aos cofrades dos lobbies de non dar pao á auga. Soñei un país cunha boa educación que permita industrias sostibles empregadoras de talentos, aportadoras de riqueza para manter un sistema solidario de sanidade e asistencia social. Soñei unha sociedade que aprecie a cultura, a propia e as demais, valore aos maiores e teña crianzas cun futuro sen emigración obrigatoria. Soñei, tamén, que eramos quen de atopar políticos honrados, empresarios visionarios, sindicalistas atentos aos traballadores, cidadáns con criterio e valor para labrar o seu destino, para valorar a terra e os seus recursos, desemporcar as rías para dar mariscos limpos, saber ofrecer productos de calidade con tecnoloxía do país. Soñei que pode ser.
· · ·
A gaita pasada 24/8/2012
Hai xusto unha semana o Teatro Jofre acolleu a celebración –tal o foi- do 35 aniversario da Agrupación Agarimo de Catabois. O cheo de público ata o “paraíso”, a presenza no escenario dos compoñentes de Agarimo e un fato de invitados amosaron o recoñecemento dun labor meritorio. As urxencias do cotián, o seu ritmo, non axudan a decatarse ben da importancia do labor impagable de entidades como Agarimo na creación e mantemento do tecido cultural galego. Ter unha escola de música galega para uns cen alumnas e alumnos de gaita e percusión, unha banda, cuarteto, grupo de cantareiras, etcétera é un luxo dos que non debe prescindir nin o barrio de Catabois, que acolle á asociación, nin Galicia enteira. O labor de escola, os ensaios teimudos, o apoio de moitas persoas do barrio, permitiu a Agarimo ter acadado significados recoñecementos. Probablemente non imaxinaba Vergara, o lembrado gaiteiro ferrolán, tal agromar da semente botada nun barrio que saben ben das dificultades de saír adiante. Pero houbo a sorte de contar co pulo de Manuel García, Lolete, quen tomou o relevo como sabía facer as cousas, con entusiasmo, levando o timón ata o seu pasamento. O seu fillo Marcos permitiu a continuidade do proxecto, aportando a súa bagaxe de seriedade e bo facer. Contou durante un tempo, desgraciadamente avaro, coa súa irmá Carolina, cuxa saia simbólica dará longa vida a Agarimo. Sexa.
· · ·
Na beira do Miño 10/8/2012
O pai Miño pasa silente aos pés de Rivadavia. O río fai curvas longas, obrigado pola orografía e dous encoros, as súas augas mansas circulan entre viñas do Ribeiro, campos de millo e piñeirais coma de cadros de Bello Piñeiro. Un can ladra ao lonxe e o bruído dos coches esvaese sen molestar ao camiñante. Tan so hai un son singular para un ferrolán: o paso periódico dos trens pola beira do Miño. Non sei se o lembrado Andrés do Barro atopou nas súas lentas viaxes entre Madrid e Ferrol inspiración para a máis sonada das súas cancións, O tren, pero o tuntún das unidades de hoxe poderían aínda valer de inspiración.
O certo é que nas décadas transcorridas dende a popularidade do tema do mugardés pouco cambiou para ben na comunicación ferroviaria da parte alta do arco ártabro. Mentres a comunicación de Vigo, Santiago ou Coruña entre si e coa meseta veu melloras, para os habitantes de ferrolterra o tren, desgraciadamente, é unha opción minoritaria. Pese a demostración da súa utilidade cando o bloqueo da ponte das Pías, o camiño de ferro languidece nun tempo de prezos astronómicos dos combustibles de automoción. Para máis, os recortes en FEVE ameazan o eixo norte, complicando a comunicación de miles de persoas e empeorando custos económicos e ambientais. A aposta de transporte terrestre en Galicia foi estradas, autoestrada e AVE. Para as mercadorías sempre nos quedará o mar... 
· · ·
Pode ser doutra maneira 27/7/2012
Cada certo tempo ponse de moda unha frase destinada a ser repetida ata a náusea. Lembraon o "pois vais ser que si"? Especialmente son os membros do denostado gremio da clase política os usuarios da cantinela de turno utilizada, veña a conto ou non, como muleta imprescindible, quizá porque o pobre nivel medio de oratoria precisa desas próteses para chegar ao respectable.
Persoalmente tráeme a mal traer o de “como non podía ser doutra maneira”. Observen á ministra, ao conselleiro, ao director xeral, situados ante o micrófono e as gravadoras de turno: depende da natureza da noticia, poden lucir un aceno de satisfacción ou de pesar para asegurar con gravidade que o tema en cuestión vai por onde ten que ir, seguindo un inevitable camiño marcado polas normas do “como debe ser”. Val dicir, non hai outra maneira de resolver o asunto, de encarar o problema. Tamén se atopan usuarios da frase nos medios de comunicación, especialmente os que usan a fala.
A parte do canso que resulte oír a fraseciña, resulta ademais asombroso que os seus usuarios parezan non decatarse da anacronía que contén, nuns intres nos que a realidade, teimuda, recorda a comenencia de actuar con novos enfoques, novas maneiras, pois "esta maneira" é a que nos trouxo o embrollo que vivimos. As palabras tamén axudan aos cambios a mellor, e nestes momentos de pouco serve repetir sobados lugares comúns.
· · ·
Praias para todos 13/7/2012
E non so para os humanos, dirían moitas das bestas que dise escoitaba o santo de Asís. E dirían tamén, se falaran con voz, as areas das dunas, as pedras removidas dos poucos camiños e muros que se conservan. Falarían tamén as moléculas do aire e das augas ao recibiren os gases e os aceites repartidos por motos, quads, 4x4, algún ciclista pouco coidadoso e unha morea de miñas donas e meus señores, propietarios de cans viláns que veñen a deixar ás praias moito pis e algunha caca (nunca recollida, tapada cunha pouca area a modo de mina de merda, con perdón). Tamén as fan concellos que pasan máquinas limpadoras a destempo e fóra de lugar.
A Sociedade Galega de Historia Natural lembra que compartimos as praias cun manto de dunas e a súa vexetación, catalogados como protexidos. Nesa cuberta viven seres con nome e apelido, coma dous humildes currantes do sector do tratamento de residuos chamados Eurynebria complanata, un escaravello capaz de tratar detritos en plena liña de marea. Ou Zabrus pinguis, outro colega vencellado ao barrón, a fermosa pluma das dunas, e presente tan so na costa occidental galega e Norte de Portugal. Ou a Píllara das dunas, Charadrius alexandrinus, unha pequena ave á que, vaites!, tamén necesita a praia, pero no seu caso para aniñar, como recoñece un plan de protección da Xunta hoxe en trámite. Faría falla un “programa de puntos” para as praias?
· · ·
Galeutshland 29/6/2012
Adianto que non son orixinal no título. Está directamente inspirado na lectura dunha nova deste xornal. Hai ben poucos días, unha empresa vasca lanzou unha campaña invitando a mocidade a quedarse en Euskadi en troques de emigrar a Alemaña. Cun alarde de enxeño, senso do humor e decisión, a campaña (notevayasaalemania.com) trata de convencer a mozas e mozos moi cualificados para ver o futuro no seu país, rodeados da súa xente, das súas afeccións, da súa comida, dos seus deportes, da súa cultura. A mensaxe pretende, penso, evitar a sangría humana que estamos a ver -grave nesta Galicia de poucos nenos- máis que postular o localismo. E o fai en positivo, ofrecendo traballo ou animando a que se xere, a que creando empresa, creemos país.
Máis para iso o país debe favorecerse a autoestima invertendo en proxectos de futuro, mellor que en mausoleos. Pedras temos de abondo, faltan centros tecnolóxicos punteiros, apoio aos emprendedores, institucións financeiras serias, universidades no seu auténtico papel e, ademais, decisión social para educar en valores de creatividade e risco. Poderiamos perdernos en laios sobre se en outros lados teñen máis medios ca nós, hai que ter a decisión de cambiar o dito “o galego non protesta, emigra” por “o galego non protesta, emprende”. Moitos o fixeron xa, hai casos de éxito a citar: necesitamos máis, para vivir aquí e ir a Alemaña de visita. 
· · ·
Os poliños 15/6/2012
Que queren que lles diga, nestas semanas nas que ademais de auga choven noticias catastróficas, a min consólanme os poliños. Digo, os poliños e os seus pais dunha familia de ferreiriños que aproveitou a oferta inmobiliaria da mellor parede de pedra da miña casa e, como todos os anos, están na faena da crianza. Teñen o seu niño nun buraquiño do cachote; aí, entre granito e barro, instalaron o seu niño habitual. Un niño de luxo, soleado e con vistas ao ceo do oeste, sulcado unha e outra vez polos pais carrexando os insectos e outras exquisiteces da dieta destes paxariños.
Non sei se os coñecen, son tan bonitos como o seu nome latino, Parus caeruleus, algo así como “párido azul”. Para entendernos, imaxinen uns once centímetros de paxaro, con verde, azul e amarelo na súa plumaxe, facendo un mosaico que semella un estampado africano. Poñan un peteiro fino de cazador de insectos e a fina voz que inspira o seu nome inglés, Blue tit, e xa temos aos protagonistas do meu lecer. Pois da gloria ver aos pais, relevándose na entrada ao niño coa bicada para os polos, e saíndo axiña a por outra. Así mentres hai día, chova ou luza o sol, coa constancia do que sinte a obriga de sacar a rolada adiante, de apostar polo futuro, inda que sexa incerto, inda que ninguén asegure nada. Velos dáme serenidade, faime sentir solidario cos millóns de humanos que, ao seu xeito, tamén intentan facelo ben.
· · ·
Orlas 31/5/2012
A maior parte das noticias que nos sobresaltan estes días teñen que ver coa evidencia descarnada acerca de como de mal funcionaron nos últimos vinte anos tantas cousas importantes para o país. Os escándalos maiúsculos do sistema financeiro, o paro lacerante, a constatación de que nos gañamos a pulso a chamada “desconfianza dos mercados”, a resignación ante unha perda acelerada de prestacións sociais e, o que é peor, a deriva dende a pasiva indignación inicial á desconfianza xeneralizada sobre a calidade media dos dirixentes políticos, económicos e sindicais que tiveron responsabilidades nese período.
Isto ten que cambiar. E moito. Agora estou a repasar as caras dos cento oito alumnas e alumnos que remataron o bacharelato no meu instituto. Entre eles hai dende estudantes brillantes e outros regulares, hai músicos e deportistas espléndidos. Pero todas, todos, teñen algo en común, son grandes persoas. A maioría aínda non cumpriron dezaoito anos, cunha vida por diante e unha preparación como ningunha xeración anterior tivo. Non se merecen as consecuencias dos lastres de picaresca hispana que aflora a cada paso, en cada escándalo. Non se merecen que os adultos de hoxe non foramos quen de construír un país serio, que deixaramos a austeridade dos vellos para adorar ao becerro dourado predicado por listos neoliberais, responsables de desfeitas de miles de millóns. Non o merecen.
· · ·
País de fábula 18/5/2012
Ou fabuloso país? Será quizá esta a reflexión máis recorrente para todos nós, nestes días  de marusía económica e social. Estamos necesitando máis de dous anos de acumulado deterioro da escenografía cotián para comezar a ver cos ollos abertos a realidade do teatro que habitamos. Xa quedan lonxe os papeis dos protagonistas dos actos primeiros: os da milagre económica post UCD, post PSOE de Felipe, algún recordará. Chegou a obra ao punto no que asombramos ás economías mundiais coa nosa tableta de chocolate ladrilleira, coa que pasamos o Tratado de Maastrich. Convertémonos logo en meca mundial de migracións laborais, educamos á nosa xuventude en dous grupos, a que foi a gañar unha pasta en Canarias sen estudar, e a que se deixou o pelexo -e os recursos das familias- en formarse o mellor posible para traballar nunha industria, nunha empresa pola que poucos apostaban.
Agora novos elencos están desvelando con urxencia a trama dende o palco, como se houbera presa en saber o final. O funcionamento do país, da súa banca, da súa industria, tanto tempo disimulado e eloxiado polos seus antecesores no escenario, perde os decorados, incluso o decoro que se lle supón a un país serio e dísenos en perigo, dende o galiñeiro ao patio de butacas. Quizá non tanto, sempre haberá quen teña uns pesiños para colocar á prole. Pero ese non é o país fabuloso que queremos e debemos intentar.
· · ·
Diagnóstico de competencia 04/5/2012
Maio, mes das flores, tamén é o mes da “avaliación de diagnóstico”. Os escolantes de segundo de secundaria os días 9 e 10, e os de cuarto de primaria o 23 e o 24, encherán os cadernos deseñados para avaliar o seu grao de madurez en tres “competencias básicas”: “competencia matemática, competencia no coñecemento e na interacción co mundo físico e competencia en comunicación lingüística”. Desculpen a literalidade dos termos técnicos. Para os da EXB e anteriores, dicir que a escola pretende para o seu alumnado as habelencias mínimas necesarias para a vida que sobardan a clásica idea de “coñecementos”. Saber afrontar problemas cotiáns, entender e expresarse correctamente, localizar e entender a información, tratar cos demais, ser responsable co medio ambiente, son algúns exemplos desas competencias básicas para desenvolverse na complexa sociedade de hoxe.
Estas probas son medios de avaliación útiles, para cada centro e para a autoridade educativa, en canto permitan valorar a relación entre o traballo realizado na aula e o resultado obtido. No proceso tamén participan as familias, cubrindo un cuestionario na casa. Todo o que se avalía se pode mellorar. Sería boa idea estender o modelo aos que manexan, manexaron ou manexarán facendas e destinos públicos para evitar descubrir, esperemos que non demasiado tarde, que sectores do país carecen da competencia básica. 
· · ·
País serio 20/4/2012
Non se preguntan vostedes ultimamente se os serios próceres que nos levan gobernando política e economicamente se tomaron realmente a este país en serio? Provoca vertixe o desfile de titulares dos últimos dous anos sobre solidez bancarias, sobre garantía do estado do benestar, sobre “aquí non pasa ná". Asombra a capacidade de asegurar solucións de fume para problemas de papel. Os autentico cariz dos problemas estamos a descubrilo a base de paus, merecidos uns -arrastramos costumes sociais herdeiras da picaresca ibérica- e crueis outros: a suma dun sistema financieiro menos fiable do que contaban cun modelo económico de sol e ladrillo. En suma, este país necesita un revolcón para depurar vicios e recuperar virtudes.
Cada día máis xente lembramos ás xeracións dos avós, para os que a seguridade social, a pensión, o modesto acceso ao consumo foron novidades que comezan a comprometerse para os seus netos. Lembrámolos pola súa austeridade, o ánimo ante as dificultades -o que agora se chama resiliencia, capacidade para resistir situacións adversas- de ánimo para afrontar as estreiteces materiais da época.  
· · ·
Polvoreira 04/4/2012
Verán, acaban de cortar a madeira -eucaliptos, algún castiñeiro ventureiro- no monte que domina a miña casa. Durante un par de semanas unha pequena cuadrilla de motoserras deitou ás árbores, e un tractor as amoreou para que un camión, viaxe tras viaxe, as levara ao seu destino, algunha celulosa. Onde está o  problema? O principal é que toneladas de madeira en forma de follas, polas, troncos delgados, pequenos árbores sen cortar e matos esmagados quedaron espallados polo chan, ofrecéndose a un foco de lume, natural ou humano, que nun día de nordés as converta en cinzas e, con elas, a outros montes, casas e soños de toda unha vida.
Estanse a ler estes días -de novo- análises sobre o lume en Galicia. O resumo fala das consecuencias do cambio dende un país cun territorio deseñado durante milenios para ser aproveitado nun sistema agropecuario tradicional á situación actual, na que a potencialidade forestal, agraria e gandeira está ben lonxe dunha xestión correcta.
Xestión difícil, tras décadas de políticas erráticas que non atinaron a axudar coas axudas europeas a frear o abandono das explotacións, a favorecer os cambios necesarios para competir nun marco europeo e mundial ben distintos. Se o monte do que lles falo estivera en Finlandia, cos restos da corta faríase combustible de biomasa, en vez de pólvora para levarse por diante as Fragas do Eume ou a casa dun veciño preocupado.
· · ·
Suma e segue 09/3/2012
Xa sei que sona a termo contable e, como tal, suxire botar conta a pé de páxina antes de pasala e continuar. Cifras en negro sobre branco dando conta da totalidade dos ingresos ou gastos, para ir ao próximo chanzo da escaleira da actividade persoal ou empresarial, coa certeza do que hai ou deixa de haber, dato importante sempre, máxime en tempos de escaseza.
Mais agora a expresión róndame os miolos ao redor da importancia daquelas actitudes humanas sumativas, de achega ao ben común. Non penso en heroes, en líderes oficiais -ben os botamos a faltar nestes momentos de dificultade- nin moito menos en exemplos de lene famoseo.
Véñenme á cabeza máis ben xentes sen relevancia fóra do seu ámbito familiar e social, que cumprindo coas súas actividades cotiáns fan -seguramente sen pretendelo- un mundo mellor.
Xentes que suman e seguen cando están nos detalles, cando miran por facer as cousas o mellor posible; como lle diría a Siro algún dos sentenciosos paisanos (imaxinarios?) que evocaba nun inesquecible programa da COPE de Ferrol: “Señor Siro, hai que facer as cousas ben, que mal xa saen”.
Alguén así era Tito, Alfonso Fuentes Martínez, un profesor que se nos foi antes de tempo, deixando mostras da súa destreza como maquetista e un fato de actividades feitas co seu alumnado de topografía para o mellor coñecemento do patrimonio monumental e natural galegos. Grazas Tito, por sumar.
· · ·
Cara a cara 22/2/2012
Nos momentos en que queremos saber se nos din a verdade, miramos á cara. Aos ollos a ser posible, esculcando a veracidade da mirada, menos mentireira que os beizos, que a palabra. Así miran ou non os nenos, segundo queiran confirmar a mensaxe recibida, fitando ao interlocutor,  ou ocultar intencións escuras, mirando para outro lado.
E para que lado miraremos cando teñamos que explicar a mocidade de mañá, os nenos e e nas de hoxe, que está a pasar co noso mundo, con este liado sistema de intereses cruzados -as veces contrapostos- de cada persoa, dos grupos, das sociedades, da sociedade. Como imos explicarlles que sabéndonos habitantes dun planeta limitado en recursos e espazo seguimos a comportarnos coma colonialistas do séculos XIX: adiante, progreso imparable, espolio sen taxa. Máis é a consigna, ao prezo do silencio cómplice. Ou do mutismo angustiado, cando comprendemos que os nosos líderes carecen dunha idea máis nidia que a nosa sobre como saír do embrollo. Ou do derrotismo abafante, cando as solucións topan cos muros das mafias dos intereses creados.
O noso deber, dos adultos de hoxe, é levantar a cara como os indignados, como os manifestantes espontáneos, como os estudantes de Valencia, para explicarlle aos meniños porque a nosa especie ten hoxe máis ferramentas que nunca para vivir con dignidade, con equidade. Hai sete mil millóns de humanos, boas razóns para cambiar.
· · ·
EA, 26 de xaneiro 27/1/2012
Seguramente non se decataron, pero onte día 26 adicouse ao Día da Educación Ambiental. Esa data de febreiro débese a que nese día de 1971 o entón presidente da ONU, U Thant asinou un manifesto sobre a celebración do Día da Terra. Foi o resultado dun movemento nado tras dos excesos industriais das décadas anteriores, buscando a toma de conciencia da humanidade da súa dependencia da calidade do medio. A educación ambiental, EA, popularizouse a finais dos 70 como ferramenta para introducir ao público dous aspectos esenciais: entender os complexos e delicados procesos ecolóxicos e o rol das persoas para respectalos.
Máis de trinta anos despois, a EA segue a ser tan necesaria como insuficiente. Necesaria pois os problemas ambientais medraron como leveda a masa do pan: en todas as dimensións. Insuficiente, pois asimilada tanto polo sistema educativo como pola dialéctica política, segue sen acadar os resultados que a saúde ambiental do planeta precisa. Na escola, pese a magníficos exemplos de aplicación en moitos centros, é un tema diluído na transversalidade. Como actividade educativa non formal, a crise está a ser demoledora co peche de equipamentos e programas. Hai excepcións a eloxiar, como o esforzo de Ferrol mantendo tres instalacións (Parque Acuaciencia, Aula de Ecoloxía Urbana e Aula Reciclaterra), e a exemplar colaboración coa Sociedade Galega de Historia Natural. Máis EA por favor. 
· · ·
Chiqui 13/1/2012
A morte é a a outra cara da moeda da vida, sabemos que está aí, sabemos que temos debemos vivir coa súa presenza, sabemos que nunca debe obsesionarnos. A todos nós. Mais cando afecta a un ser próximo e querido, unha rebeldía tan inútil como inevitable apodérase da mente e nos conmociona. Cando, ademais, quen se vai pertence ao gremio docente, a súa ausencia golpea ao seu alumnado e familias, e ás decenas de profesoras e profesores cos que compartiu o traballo cotián.
Cando ademais esa persoa é, como era José María del Solar Baqueiro -Chiqui para todo o Sofía Casanova- unha persoa xenerosa co seu tempo, afable e paciente en todo momento, alguén tan fiable na súa especialidade de Física e Química como competente na súa querida informática, a perda é máis dolorosa.
Non sei cantos alumnas e alumnos pasaron polas clases de Chiqui nestas décadas de profesión. Si sei o cariño que lle tiñan, as bromas sobre o partido do domingo pasado -que socio perde o Racing de Ferrol...- antes de enfrascarse coas reaccións químicas, sei algo das miles de horas regaladas a compañeiros con problemas informáticos, sei da súa importancia na organización do centro.
Mais cantou Freddy Mercury, “show must go on”, e ninguén como Chiqui estaría máis en desacordo con perder unha clase, por moita pena que nos dea. Quizá esa sexa a grandeza do oficio do ensinante: saber compartir parte da túa vida cos demais.
· · ·
País 25/11/2011
País s.m. 1. Territorio habitado por unha colectividade e que constitúe unha realidade xeográfica e política concreta. CF. estado, nación. 2. fig. Lugar imaxinario. No país dos cegos... O país das marabillas. s Do país. Da terra, propio da comarca, rexión, etc., de que se trata. Queixo, viño do país (Dicionario da Lingua). Esta entrada pode servir para reflexionar sobre a realidade social e económica que estamos a vivir. Unha realidade que parece pór en cuestión a idea que tiñamos de país, cando as actuacións dun sistema neoliberal extremado fan saltar gobernos, levan á cidadanía a asumir durísimas reformas nun torbón de asedios diarios á autonomía dos países. Certo que boa parte dos males que nos aflixen veñen de estruturas produtivas e hábitos sociais manifestamente mellorables, dos que cada país é responsable: un buque mal construído non resistirá o embate do temporal e a nosa milagre económica demostrou a fiabilidade do casco do Prestige. A narcotizante baza do ladrillo e unha morea de economías ocultas, que van dende o particular que non cotiza por cholladas a departamentos universitarios e fundacións que actúan como seudo empresas ou administración despilfarradoras en megaobras, dificultando a supervivencia de moitas empresas, asfixiando a moitos emprendedores en sectores punteiros.
Toca facer do país a realidade política concreta máis que imaxinario lugar de marabillas.
· · ·
Rumbo ao futuro 11/11/2011
Estaba un o domingo formando parte dos milleiros de persoas que acudiron á convocatoria manifestación -a enésima, e as que fagan falta- polo futuro de ferrolterra. Estaba, digo, e oía as reclamacións expostas no percorrido e as que se leron no comunicado colectivo das organizacións convocadoras. A demanda de traballo e prosperidade para a comarca ía adoptando formas distintas: o naval foi protagonista sen dúbida, coa demanda da construción dese dique boiante para reparar grandes buques, mais tamén estivo presente a reivindicación da ría como fonte de riqueza natural e emprego. Nesta dicotomía, naval e natural, estanse a debater dende hai décadas os responsables da ría, cun balance ben negativo para a sostibilidade.
O territorio 'ría' foi degradado continua e teimudamente, ben por infraestruturas ocupadoras de medios ricos en vida -doe mirar para o 'porto do carbón', ocupador da outrora rica Malata- ben pola falta delas: a depuradora de Prioriño aínda espera a andar e a guinda do porto exterior rematou por axudar a converter zonas de marisqueo B en C de caca en tan so un ano de construído. O naval ten os seus avatares e hai que loitar polo seu futuro, pero os mariscadores non poden vivir de subvencións para labores ímprobos de limpeza ou faenar fóra de castelos. Hai moito mal feito irreparablemente, mais o Estado, consellerías e concellos deben dar rumbo ao futuro da ría, xa. 
· · ·
Tempo e tecnoloxía 28/10/2011
Ou choiva e comida, tormentas e turismo. Se pensan que non hai relación, miren as novas destes días: as choivas a cachón que inundan boa parte de Tailandia provocan unha suba do 50% nos discos duros informáticos. Catro dos cinco principais fabricantes destes hoxe imprescindibles aparellos instaláronse no país asiático, atraidos por ata oito anos de exencións de impostos, entre outros incentivos. E o quinto está no veciño Singapur, así o almacenamento binario presente en case todo tipo de trebellos depende dunhas terras azoutadas polas chuvias monzónicas.
Tailandia foi a plataforma elixida por unha morea de industrias de alta tecnoloxía, que acudiron como moscas ao mel deslocalizador. A lista das marcas implicadas -incluíndo a do ordenador que uso- teriamos o quen-é-quen dos principais fabricantes de bens de consumo informático, automotriz, entretemento, fotografía ou vídeo. Estas empresas, familiares para todo o mundo pola súa presenza na publicidade e no uso cotián de millóns de persoas, trasladaron partes esenciais da súa produción polo engado do baixo custo do emprego, os alicerces fiscais e a situación xeográfica, subestimando probablemente outros factores estratéxicos como o clima. Expertos escriben agora que se debería de evitar concentrar a produción nos colos de botella dos países monzónicos. Como dicía o que esmagou un pitiño ao sentarse: tarde piaches!
· · ·
Indignos 14/10/2011
O tempo vai encargándose de pór caras aos indignos. Os milleiros de persoas indignadas que tomaron a praza e a palabra públicas para rebelarse contra a desfeita da crise probablemente intuían que a indignidade, a indecencia, tiña nomes e apelidos, rostros, motivos de peso e lóxicas internas. Os titulares recentes van explicando quen, canto e cando algúns fixeron que e para que. 
Vanse coñecendo a blindaxe dos técnicos en liquidacións que, a modo de cargas de profundidade, van estoupando os últimos días subliñando as dolorosas perdas do tecido empresarial e financeiro galegos. Van aboiando, como os restos do naufraxio que o mar devolve puntualmente, os datos de como os adaís das liortas norte-sur moveron os seus pións e canto percibiron estes polos servizos prestados. Imos descubrindo (confirmando?) como este longo e doloroso culebrón das caixas era peor do imaxinado no máis escuro dos pesadelos. 
E como guinda, a pregunta sobre o papel que neste curral de traxicomedias xogaron os nosos representantes públicos. Os de aquí e os de acolá. Xa sabemos o que dixeron, aí están as hemerotecas, mais, que, canto sabían cando dicían ou calaban? O que non é unha pregunta retórica pois, cunha situación no caso de NCG Banco de difícil recondución, fiada a unha xesta digna dun apóstolo redivivo, cómpre saber como é quen nos guía e cara a onde imos. Precisamos, máis que nunca, dos bos e xenerosos.
· · ·
Máis por máis, máis 30/9/2011
Están aí, agochados no visible. Crúzanse connosco nas esquinas da rúa, nos pasos de peóns, na plataforma do bus. Son a persoa de diante na caixa, na butaca do lado no cine, o avó que recolle á neta no colexio, a autónoma que ingresa o IVE de facturas non cobradas. Son o estudante que estuda, o camareiro amable e atento, a enfermeira paciente, o pescadeiro que filetea con habilidade, a policía ben preparada para xestionar o lado escuro, o xornalista que escribe sen saber se o van ler mañá. Son o hostaleiro que da boas comidas pola mínima, o taxista dilixente coas maletas do viaxeiro, o albanel coidadoso co seu traballo, o agricultor sabedor do que vai nas súas hortalizas, o informático que repasa interminables liñas de programa, o mestre de infantil que xestiona a vintedúas crianzas, a deseñadora emprendedora nas súas coleccións de moda, o voluntario que regala o seu tempo aos demais. Son a persoa que nos acompaña ao sitio polo que lle preguntamos, a administrativa teimuda por facer ben o seu traballo, o libreiro que asesora á clientela, a nai que voa co seu fillo entre cole e conservatorio. Son as xentes que non se renden, que non tiran a toalla, que non esperan estar nunca fóra do anonimato. Son as xentes que manteñen a cabeza no sitio no medio deste balbordo de expertos a posteriori, de prometedores de imposibles. Son xentes que merecen máis, por que dan máis.
· · ·
31, San Ramón 02/9/2011
Cando lean estas liñas será día dous de setembro e xa será historia a vixésima edición do premio internacional de gaitas e composición Constantino Bellón. Escribo a hora e media do comezo do certame no Teatro Jofre; polo seu escenario pasarán oito gaiteiros -todos homes este ano- para interpretar dúas pezas, unha delas compostas expresamente para “o Bellón”, como se coñece ao certame no mundo gaiteiril. Deles sairá un premio e dous accésit que antes recibiron moitos dos mellores intérpretes do instrumento máis representativo da nosa cultura. Xa é público o fallo da Gaita de Ouro, ao traballo a prol da gaita, e do concurso de composición, por certo un dos mellores dotados de España para calquera modalidade musical, xa pola súa sétima edición e saberemos axiña cales son os nomes dos intérpretes premiados nesta edición. Á vista da boa acollida a esta cita musical, precisamos saber se a sociedade galega representada pola Xunta, Concello de Ferrol e Deputación da Coruña vai seguindo a apoiar economicamente o esforzo do Ateneo Ferrolán para manter unha iniciativa que trae a Ferrol dende Bos Aires ou Vigo a unha elite de gaiteiros e compositores para achegar o seu virtuosismo e creatividade. Si hai cartos que paguen os gastos, non os hai para agradecer o esforzo dunha entidade e duns organizadores que non deben asumir sós o reto de manter viva esta realidade da cultura galega.
· · ·
Turismo 19/8/2011
Xa é un tópico dicilo, pero os atractivos turísticos de Ferrol atrapan. O potencial dos atractivos de Ferrol son moitos, pese a melloras tan posibles como necesarias. A combinación dunha urbe de singular trazo -asentada nunha ría cuxa beleza resiste a suma dunha ocupación sen fin- coa contorna mellor conservada de entre as grandes urbes de Galicia, coas que está conectada por autopista e autovía sen peaxe. Proben con Google Earth ou co Sixpac a atopar un territorio próximo a unha cidade que en tan poucos quilómetros cadrados oferte tal variedade paisaxística: urbe, mar interior, mar exterior con praias variadas -catro delas de máis de dous quilómetros, outras dunhas decenas de metros- cabos desafiantes como Prior, outeiros como Monteventoso, Chamorro ou A Lagoa combinan con asentamentos costeiros con encantos tan distintos como San Felipe e Covas. Castros por descubrir como Lobadiz e fortalezas recuperadas, como a de Viñas en Prioriño, son unha metáfora da conservación urbana, con fermosos edificios e ruínas clamorosas.
Pois tan doado é facer a lista do atractivo como do mellorable. As iniciativas públicas e privadas deben continuar unha liña cara á diversificación dunha oferta turística de calidade onde o natural se potencie na diversidade de aloxamentos, de instalacións, de oferta cultural, artística e educativa, de eventos comerciais para afirmear a Ferrol no mapa do turismo galego.
· · ·
Máis gaitas, por favor 05/8/2011
Hai tradicións que non se poden deixar. Digo deixar amortecer, esquecer, debilitarse, por que se as perdemos malamente manteremos o país. Xa sei que coa que chove na economía, na política, as preocupacións das xentes van por outras prioridades máis, en principio, importantes. Pero os titulares de primeira van caendo, os temas de varias páxinas desaparecen, as conmocións pasan e, ao final, queda a vida cotián, a que marca e imprime carácter nas vidas a idades moi temperás e nestas xornadas estivais son tradición festas nas que os meniños ven ao gaiteiro, ao tambor e o bombo por vez primeira, miran cos ollos de lúa chea as figuras de negro, branco e vermello das que nace unha música que os acompañará de por vida. As “cuartetadas” das festas parroquiais, as bandas, o músico de eira ou de rúa faille un regalo impagable a unha memoria colectiva enchida máis de anonimato que de nomes. Pero hai nomes a lembrar para agradecer que estean aí, en traballo constante e meritorio para seguir a traballar a canteira de música galega. Un deles é Robaleira, a banda cedeiresa premiada no concurso galego deste ano pola súa calidade e fidelidade a unha visión diría máis esencialista que tradicional -difícil consenso a tradición- e da que ten saído unha manchea de músicos, algúns dos que hoxe fornecen grupos como Berrogüeto ou voces como Guadi Galego. Grazas Robaleira por estar, e azos para seguir.
· · ·
Textos a medias 22/7/2011
Recentemente levantaron polémica as declaracións de Juan Rosell, presidente da confederación de empresarios, referentes aos “funcionarios prepotentes e incumplidores”, “consentir que se tarde 8 anos en rematar unha carreira de 5”, “dicir que non a quen se apunte ao paro por que si” entre outras frases entresacadas da conferencia lida na Ágora el Economista o pasado día 18 e recollidas polos medios de comunicación. Como as declaracións extractadas soáronme máis que fortes fortísimas, fixen o máis recomendable: acudir ás fontes da CEOE (http://tinyurl.com/18r). Unha vez lidas ao completo as argumentacións de Rosell suxeriría este texto para a súa lectura e debate en praza pública, en familia, en lugares de prédica, colexios e locais de hostalería varios, para ver se asumimos a esencia da proposta do conferenciante, contida tamén nun verso do himno galego:”...desperta do teu sono, fogar de Breogán...”
Porque este país necesita cambiar a mentalidade das súas xentes dende os primeiros anos de vida, nun aprendizaxe máis de emprendedor que de rentista como, por outra banda, foi a realidade da xeración dos nosos avós. Aínda están entre nós xentes que saben o que é tirar para adiante co diñeiro ao 19%, que non usaron cartos de plástico, que sabían que non podían telo todo, xa. Moitos dos exemplos citados por Rosell son moi matizables, pero a súa mensaxe contén vías de solución.
· · ·
O péndulo dos recursos 8/7/2011
Que o noso é un país con tendencia a balancearse pendularmente entre opcións extremas é un lugar común. A nosa asombrosa facilidade de pasar de A a B, dicir “onde dixen digo digo Diego” sen rubor algún, é de libro Guiness, polo menos para quen conserva a capacidade de pasmo ante as novidades cotiáns. Se xa o Códice Calixtino non estaba a salvo, que queda para as miudezas e vulgaridades domésticas.
A reflexión ven a conto das argumentacións que se dan para xustificar os continuos recortes da cousa pública. Que non estamos para tirar foguetes económicos -pois dos pirotécnicos xa se encargou a consellería do rural a conta dos incendios- está cada vez máis claro. Facer unha xestión rigorosa dos recursos de todos é unha necesidade que non debería vir obrigada por crise algunha, senón por ética e sentido común. Pero nesta senda de recortes pode haber o perigo de, co argumento do aforro inmediato, estar a desmantelar servizos básicos que nos poden saír ben caros a non tardar. Baixar de certos niveis en sanidade, en educación, en servizos sociais, en seguridade, non parece de recibo cando, no outro lado do péndulo, mantéñense Gaiás, portos exteriores faraónicos ou cambios educativos repentinos, sen partidas orzamentarias e proxectos de uso claros. Os gobernantes deben facer un esforzo por clarificar cara a onde imos e por que paga a pena tanto sacrificio. Si é que paga.
· · ·
Na noite de San Xoán, onte 24/6/2011
Este verso forma parte dunha fermosa canción de Emilio Cao, o músico que a finais dos anos setenta aportou unha liña inédita de arpista e cantautor no panorama musica de entón e, agora que o penso, con pouca representación hoxe. A canción evocaba o feitizo da convocatoria anual ás lumeiradas por San Xoán -e por San Pedro, non o esquezamos- para milleiros de persoas en todo o país. O lume e a sardiña ponlle un acento de benvida ao verán recen chegado, as bafaradas das grellas e as nubes de fume espallan polo ambiente o arrecendo a verán, a novo ano solar, a degoiros de novos tempos, dun novo ciclo de vida.
Marcan tamén estes días o remate doutro ciclo anual, o curso escolar, aínda que oficialmente remate en setembro. Este curso escolar remata con nubes de preocupación e quenturas de crispación para moitos escolares, familias e profesorado. Un fato de medidas, anunciadas nos estertores do curso pola consellería do asunto, varreu coma un tsunami a estrutura de varias ducias de centros de toda Galicia, movendo a varios centos de escolantes e poñendo nunha situación de incerteza a decenas de docentes que levamos -probablemente saiban que eu son un deles- o sambenito dos estereotipos: posto seguro, moitas vacacións, traballo regalado. Non importa, porque sabemos que o importante é non fallarlle ao alumnado. Non sei se os nosos responsables o teñen tan claro.
· · ·
20 agostos 10/6/2011
Coa cita deste ano, serán vinte agostos os que faga o concurso de gaitas Constantino Bellón. Nado como unha iniciativa do Ateneo Ferrolán para promover a música para gaita galega, recibiu o apoio suficiente para convocar a intérpretes solistas do instrumento máis representativo de Galicia e, tamén, para recoñecer o labor de individuos e agrupacións a prol da gaita. A iniciativa recibiu apoio suficiente polo concello de Ferrol, a Deputación da Coruña, a cerámica de Sargadelos e a viúva de Luís Seoane, cuxa fermosa figura de gaiteiro converteuse no cobizado galardón para as decenas de concursantes que pasaron polo certame, ademais dos que foron os maiores premios en metálico do seu momento. Premios aparte, ser un dos dez finalistas do Bellón tiña o engadido e a garantía da gravación en directo e publicación do disco (de vinilo o primeiro!) ao ano seguinte. Esas características animaron a pasar a selección a varias xeracións de músicos, os máis deles hoxe cunha traxectoria recoñecida e prestixiada. A súa presenza e a achega das pezas requirida nas bases enriqueceron a música galega, en Galicia e fóra dela, dende 1996 catro finalistas proveñen da diáspora. Ademais, a iniciativa en 2003 dun apartado de composición tivo unha alentadora resposta coa concorrencia de músicos e obras de mérito, estreadas desinteresadamente por solistas e orquestras. Ferrol debe dar longa vida ao Bellón.
· · ·
A ombros de xigantes 27/5/2011
Seguro que coñecen a frase do título, encabeza un recomendable programa de divulgación científica de RNE 5 ou un libro de Stephen Hawking sobre Física e Astronomía. Atribúese ao teólogo e filósofo Bernardo de Chartres, quen sobre o ano 1130 expresaba a débeda de toda persoa aos coñecementos dos devanceiros da Humanidade, os máis deles absolutamente anónimos. Sen os logros e os erros das xentes que nos precederon dificilmente poderiamos ter o nivel de coñecementos que posibilitan a organización social, ciencia e tecnoloxía actuais.
A frase veume á cabeza agora, ao sentarme a escribir, pensando neste tempo tras das eleccións, cheo de mudanzas de persoas e proxectos en tantos concellos. Momentos de reflexión e tránsito, tanto para quen asume novas responsabilidades como para quen as deixa. Momentos para os balances entre o ben feito e o que puido ser mellorado, para pasar folla e traballar arreo por mellores cidades, mellores cidadáns. Temos por diante retos abraiantes, incluso para os expertos, como para perder tempo en loitas estériles, a adversidade é o inimigo común. Todos formamos parte do problema e da súa solución, a cuestión é se estamos dispostos a pormos á tarefa.
Dise que o tempo pon a cada un no seu lugar, penso máis ben todos temos un tempo para intentar facer deste mundo un mellor lugar. Todos somos un xigante máis con ombros de poder insospeitado.
· · ·
Avaliar 13/5/2011
Dise que o que non se avalía non vale. Este mércores e xoves as alumnas e alumnos de cuarto de educación primaria e segundo de secundaria descubriron por vez primeira a experiencia de romper a rutina de traballo cotián para sentarse ante catro cadernos para respostar non poucas preguntas nun tempo limitado. Tras unhas instrucións, comezaron por escoitar un mesmo texto lido en galego e castelán para mergullarse bolígrafo en man a resolver cuestións. Hai tamén un caderno para a colaboración das familias.
Esta é a segunda vez que se aplica nos centros escolares a denominada Avaliación de Diagnóstico, froito da Lei Orgánica de Educación (LOE), á procura dunha ollada externa acerca dos logros dos centros para acadar as oito competencias básicas obxectivo para o alumnado do ensino obrigatorio. As competencias a avaliar son, como na vez anterior, a competencia en comunicación lingüística e a competencia matemática, ademais este ano compróbase a competencia no coñecemento e a interacción co mundo físico. Para iso a rapazada foi elixindo nalgunhas preguntas a resposta entre opcións, redactaron texto, calcularon ou representaron gráficas noutras.
O resultado non supón notas para o alumnado, máis é unha información valiosa para o profesorado sobre o seu traballo, a estudar nos centros para facer os cambios que sexan necesarios o curso vindeiro. Un esforzo duro para mellorar a escola.
· · ·
Concellos pola Terra 29/4/2011
Antes de entrar na recta final das eleccións municipais pode ser o oportuno destacar a publicación do textodirixido aos concellos  denominado  Un programa pola Terra,  acordado polas máis representativas entidades ambientais de Galicia. Escrito pensado para as mulleres e homes que dende as alcaldías, as concellerías, van decidir sobre as trescentas quince administracións locais galegas. As corporacións elixidas deberán afrontar a responsabilidade do goberno da nosa realidade máis próxima, o que inclúe numerosas competencias ambientais. Pero as entidades ambientalistas non se dirixen unicamente aos futuros gobernantes, tamén chaman ás oposicións a camiñar xuntos cara a un país sostible ambientalmente, que é o mesmo que dicir económica e socialmente posible. Pois, como subliña  a proposta, a crise actual ven -como descubriron civilizacións desaparecidas- dun modelo inasumible polo planeta, pero especialmente imposible para unha humanidade que, a punto de sobardar o sete mil millóns de habitantes, ten por diante o reto de demostrar se merecemos o noso nome específico de  sapiens.
Os concellos teñen a posibilidade de actuar localmente para facerlle a vida máis amable aos seus veciños e máis sustentable para xestionar ben os recursos. Transporte, enerxía, auga, zonas verdes, participación, residuos, consumo responsable son algunhas propostas para concellos postos na terra.
· · ·

Auga 15/4/2011
A auga, incluso en Galicia, é un ben escaso. Incluso neste país onde o paraugas é un gadget de serie, a auga non sobra. Por iso as casas tradicionalmente facíanse onde mananciais, fontes ou pozos garantían os litros necesarios para a boca de xentes e gando, integrantes dun todo nas casas de labranza. Lémbrese que cada unidade de produción de leite -vaca, ovella ou cabra- necesita algo máis de auga que o leite que da e, con todo, son menos litros que os consumidos polas lavadoras, lavalouzas, aseos e regas de cada vivenda do espallado territorio do chamado rural galego.
O conto é que, ata novembro do ano do señor de 2010, cada quen dese rural tiña que valerse por si para garantir a auga necesaria, xa que o servizo municipal respectivo é inexistente ou insuficiente, incluso na proximidade das cidades e vilas principais. Así se explican os milleiros de pozos e traídas pagadas polo peto particular, a maioría non legalizados xa que a autoridade que non subministraba tampouco esixía. Máis a nova Lei de Augas de Galicia, implantará -despois das municipais, iso si- un canon por vivenda, asumindo que está habitada por tres consumidores dunha cantidade de auga estimada por un contador que a propiedade instalará, so pena de sanción, no seu propio pozo ou traída. Se do que se trata é de recadar, póñase un imposto por tellado e acabamos antes. Ten tanto senso como cobrar polo que non se da.
· · ·
Idus de Marzo 1/4/2011
Xa está aquí a primavera, cumprindo a cita anual rachando as tebras invernais. A primavera estacional, con aire temperado sabedor da súa vitoria sobre as friaxes, por máis que estas retornen brevemente para lembrarnos prudencia á hora de deixar as prendas de abrigo. Eran os idus de marzo dos romanos, na metade do mes de Marte, deus da guerra, tempos de ledicia e bos augurios, salvo para Xulio César, asasinado nos días nos que os seus súbditos contribuían ao xerminar da terra buscando no emparellamento a descendencia. Os idus de Marzo do 2011 son tamén guerreiros, con varios césares norteafricanos a cambalear nos seus tronos de sátrapas polo rebumbio dun inesperado movemento de fartura de moitos dos seus cidadáns, privados de dereitos elementais por décadas.
Tamén foi guerreira iso que chamamos Natureza, removendo o día 11 coa súa realidade implacable algún lugar dun fondo submarino próximo a Xapón para chimpar un novo  record  sísmico e asociando un terrible tsunami -vello termo que en xaponés significa onda de marea- non previsto polos deseñadores da central de Fukushima, imprudentemente construída na costa. O resultado estamos a recibilo por entrega diaria en tintas negras que poñen en solfa outra vez a fiabilidade das centrais térmicas nucleares e, de retruque, o noso sistema socioeconómico baseado en enerxía barata. O barato, coma case sempre sae, máis que caro, impagable.
· · ·
Eficiencias 18/3/2011
Unha das cousas máis sorprendentes dos humanos é a capacidade de dar cantas veces faga falta coa mesma pedra. Está claro que aprendemos da experiencias que vivimos, pero a curta e interesada memoria, a soberbia que nos caracteriza como especie e a paixón por ser máis que o veciño (ou vivir do veciño, que tamén), son os trazos grosos que pintan o cadro da nosa sociedade actual. Unha sociedade ineficiente en tantos aspectos: o enerxético e o social son os máis rechamantes nestes días de revoltas en países árabes e de traxedia no Xapón. Cando cae o telón do barato, barato, espertamos cando pagamos 70 € por encher un depósito e outro tanto polo recibo da luz (e o que queda). Descubrimos que o exemplo de organización xaponés ven por terra ao constatar que previron os terremotos, pero esqueceron o linde que marcan os tsunamis, probablemente polo difícil de acomodar a case tres veces a poboación de España en pouco máis da metade de territorio. Tal vez iso explique por que permitiu asentar tanta poboación e centrais nucleares en alturas tabú para esa xeografía. Pode que haxa que ser 'mentecatos' como dixo o presidente extremeño dos 'antinucleares' e buscar a eficiencia enerxética que nos axude a non gastar tanto e a eficiencia social de vivir mellor con menos. Non parece haber un futuro razoable para un modelo económico sen límites.
· · ·
Auga 15/4/2011
A auga, incluso en Galicia, é un ben escaso. Incluso neste país onde o paraugas é un gadget de serie, a auga non sobra. Por iso as casas tradicionalmente facíanse onde mananciais, fontes ou pozos garantían os litros necesarios para a boca de xentes e gando, integrantes dun todo nas casas de labranza. Lémbrese que cada unidade de produción de leite -vaca, ovella ou cabra- necesita algo máis de auga que o leite que da e, con todo, son menos litros que os consumidos polas lavadoras, lavalouzas, aseos e regas de cada vivenda do espallado territorio do chamado rural galego.
O conto é que, ata novembro do ano do señor de 2010, cada quen dese rural tiña que valerse por si para garantir a auga necesaria, xa que o servizo municipal respectivo é inexistente ou insuficiente, incluso na proximidade das cidades e vilas principais. Así se explican os milleiros de pozos e traídas pagadas polo peto particular, a maioría non legalizados xa que a autoridade que non subministraba tampouco esixía. Máis a nova Lei de Augas de Galicia, implantará -despois das municipais, iso si- un canon por vivenda, asumindo que está habitada por tres consumidores dunha cantidade de auga estimada por un contador que a propiedade instalará, so pena de sanción, no seu propio pozo ou traída. Se do que se trata é de recadar, póñase un imposto por tellado e acabamos antes. Ten tanto senso como cobrar polo que non se da.
· · ·
Idus de Marzo 1/4/2011
Xa está aquí a primavera, cumprindo a cita anual rachando as tebras invernais. A primavera estacional, con aire temperado sabedor da súa vitoria sobre as friaxes, por máis que estas retornen brevemente para lembrarnos prudencia á hora de deixar as prendas de abrigo. Eran os idus de marzo dos romanos, na metade do mes de Marte, deus da guerra, tempos de ledicia e bos augurios, salvo para Xulio César, asasinado nos días nos que os seus súbditos contribuían ao xerminar da terra buscando no emparellamento a descendencia. Os idus de Marzo do 2011 son tamén guerreiros, con varios césares norteafricanos a cambalear nos seus tronos de sátrapas polo rebumbio dun inesperado movemento de fartura de moitos dos seus cidadáns, privados de dereitos elementais por décadas.
Tamén foi guerreira iso que chamamos Natureza, removendo o día 11 coa súa realidade implacable algún lugar dun fondo submarino próximo a Xapón para chimpar un novo record sísmico e asociando un terrible tsunami -vello termo que en xaponés significa onda de marea- non previsto polos deseñadores da central de Fukushima, imprudentemente construída na costa. O resultado estamos a recibilo por entrega diaria en tintas negras que poñen en solfa outra vez a fiabilidade das centrais térmicas nucleares e, de retruque, o noso sistema socioeconómico baseado en enerxía barata. O barato, coma case sempre sae, máis que caro, impagable.
· · ·
Xente extraordinaria 4/3/2011
A estas horas que lee vostede estas liñas Federico, Miguel e Noelia -por esa orde de puntuación- están a recibir ou xa teñen nas súas mans o recoñecemento de ser un dos dezanove Premios Extraordinarios de Bacharelato de Galicia. Son eles tres, de entre o alumnado de Ferrolterra, os que conseguiron estaren no selecto grupo que acadou un 8,5 de nota media nos dous cursos do Bacharelato e, despois, situarse entre os primeiros dezanove nunhas esixentes probas que dan dereito á honra do galardón, a un premio en metálico de 1.000 euros e á matrícula gratuíta nas universidades públicas de España. Tamén recibirá Eva, ferrolana, un dos premios extraordinarios de formación profesional 2008-9.
Para a comarca é tamén unha honra telos a eles, como mostra de alumnado de excelencia que, no bacharelato e na formación profesional. E nestas datas nas que choven noticias negativas, cómpre lembrar os indicadores dos centros de ensino galegos no marco da OCDE, segundo as últimas probas PISA, nas que os colexios e institutos de Galicia logran resultados en competencia lingüística e matemáticas por riba do que corresponde ao nivel socioeconómico do país. Pese ás dificultades de ser periférico e ás limitacións de dotación humana e material, saber que o sistema educativo público e concertado está cumprindo honrosamente na nosa dispersa xeografía debe alimentar a nosa autoestima. Falta fai.
· · ·
Peaxe medioambiental
 18/2/2011
Vivimos nunha terra onde o territorio leva un par de centos de anos a disposición das humanas empresas. Reais empresas como o mandato do rei Fernando VI, continuado polo seu irmán Carlos III, para construír os estaleiros, arsenal e barrios da Magdalena e Esteiro, iniciaron unha senda industrial ávida de terreos marítimos e terrestres. O pasado século XX acelerou esa demanda, multiplicando a ocupación de esteiros e campeiros, construíndo sobre ríos e regatos, cegando a circulación mareal de ponte en ponte ata o abafante porto exterior, onde unha depuradora xa rematada espera por augas fecais que tratar, pois alguén esqueceu facer as necesarias obras para levalas ata ela. O resultado é que a riqueza económica procedente do marisqueo está agora reducida a mínimos pola destrución de bancos e unha contaminación de difícil solución.   Por suposto nestes procesos nunca ninguén consultou a Xan Pobo. Agora un estudio para o Observatorio Estratéxico da Fundación Ferrol Metrópoli pregunta, entre outras cousas, se “o emprego e o desenvolvemento económico a curto prazo é o máis importante aínda que se deteriore, de forma controlada e moderada o medio ambiente a medio ou longo prazo”.   Esperemos que o resultado do estudo avale estratexias imaxinativas de economía sostible para Ferrolterra sen máis peaxes medioambientais irreversibles, nin a medio nin a longo prazo, nin nunca.

· · ·
Ciclos Formativos 4/2/2011
Hoxe remata o prazo para matricularse nas probas de acceso a Ciclos Formativos Superiores sen ter o Bacharelato, e   o once de marzo para quen desexe optar a entrar nalgún Ciclo Formativo Medio sen a ESO, permitindo obter o título de Técnico Superior ou Técnico Medio, respectivamente, nunha morea de especialidades que se poden consultar no portal www.edu.xunta.es/fp ou en calquera dos centros educativos da rede pública. Nesa páxina pode tamén consultarse o grao de inserción laboral de cada ciclo, o que pode ser un elemento de xuízo, xunto coas aptitudes e preferencias persoais, para a toma de decisións que axuden a cualificarse profesionalmente.
A outrora desprestixiada formación profesional está a ser cada vez máis elixida pola xente nova como unha opción seria por varias razóns. A primeira é que, tralas inversións en equipamentos e actualización do profesorado, a FP está a ofrecer calidade , o que proba os recoñecementos obtidos en probas nacionais e internacionais por alumnado de FP de ferrolterra e Galicia. A segunda está na versatilidade do sistema que posibilita en dous anos para os ciclos superiores e nun ano aos medios, acceder ben ao traballo, ben a estudios superiores. Logo están outros argumentos non menores, como poda ser a proximidade. En todo caso os exames non son doados pero permiten a moitas persoas a oportunidade de reabrir o seu ciclo de formación.
· · ·
Ecourbanismo 7/1/2011, Día de San Xiao
Con permiso das Academias acudo a este palabro;para reflexionar sobre as cidades, sobre a nosa cidade ao fío das últimas incidencias en edificios das rúas ferrolás. As cidades son os ecosistemas artificiais resultantes dunha tendencia sedentaria iniciada no Neolítico, hai uns 10.000 anos. O asentamento agrupado de edificios de tamaño acorde coa tecnoloxía dispoñible en cada etapa -dende as casas de un andar aos rañaceos de hoxe- cambiou fondamente a vida dos humanos, ata o punto de que 2010 foi o ano no que a metade da poboación mundial é urbana.
Pero as cidades, os seus edificios, como os ecosistemas, sofren á acción dos axentes atmosféricos como a chuvia, humidade, vento e fenómenos eléctricos, das vibracións naturais dos sismos e as artificiais, provocadas estas polo tráfico rodado e as obras. Estes e outros factores afectan a edificios antigos da Magdalena, pero tamén a outros construídos no medre de Ferrol na década dos 60 ao abeiro do naval, levantados con máis area de praia e menos cemento e ferro da conta. Con todo, o factor decisivo para a saúde das casas é o mantemento. Un edificio precisa atencións para preservar a súa impermeabilidade en climas coma o noso; cando a auga penetra as cubertas ou fachadas escasas de pintura comezan deterioros que poden debilitar vigas e forxados ata chegar á ruína.
O mantemento é responsabilidade da propiedade, e nos edificios habitados non soen darse problemas. A cousa cambia cando non hai veciños, os que hai carecen de medios suficientes ou haxa inquilinos de rendas antigas, que malamente cubran os gastos da propiedade grazas a unha lexislación de arrendamentos urbanos que converteu a caseiros nunha sorte de obrigados"servizos sociais", contribuíndo ao abandono das fincas. Xunto a estes casos seguramente hai outros nos que a desidia ou a cobiza propiciaron a caída de edificios, con perigo para as persoas. So unha política seria de vixilancia e de programas de restauración e aluguer poden salvar os centros históricos.
· · ·
Boa noite 24/12/2010
A dous días da lotería e a sete do "finde" por antonomasia, chega a noite que invita ás xentes a facer un punto e aparte no ritmo cotián. As comidas ou celebracións nas empresas, peñas deportivas ou grupos de amigos, preceden á reunión das familias ao redor dunha mesa na cea máis simbólica do ano. Particípese ou non da simboloxía relixiosa cristiá -para millóns de persoas no mundo son outros os fitos a celebrar- as festas do Nadal marcan o peche dun ciclo anual e a estrea dun novo ano, para o que xuntamos un fardel de bos propósitos. Como xa se comentara aquí por San Xoán, para moitas civilizacións no equinoccio de inverno celébrase a “morte da escuridade” co fin dos días curtos, que comezan a alongarse, traendo máis luz cada xornada ata o máximo do solsticio de xuño. Astros moven, en fin, o metrónomo que rexe os nosos ciclos anuais, pero somos os humanos quen deben procurar manter o rumbo da nosa singradura vital e, nese senso necesitamos cambiar bastantes cousas como sociedade. Estamos a atravesar tempos duros para moitas persoas, con situacións consideradas extremas para os nosos lares pero comúns -privilexiadas incluso- noutras partes do mundo. Na era de Internet e dos satélites non podemos alegar ignorancia sobre o que pasa e por que pasa: as consecuencias sociais e medioambientais dun modelo de aproveitamento ilimitado dos recursos, incluíndo os humanos, están á vista de quen queira velas. É certo que as condicións de vida melloraron nas últimas décadas, globalmente as persoas viven máis e mellor, aínda considerando as sangrantes bolsas de pobreza e mala nutrición, contra as que a comunidade internacional non logra avances suficientes. É certo tamén que millóns de  persoas actúan máis xenerosamente que os seus gobernos colaborando con iniciativas solidarias locais ou globais. Nesa reacción, a das persoas boas e xenerosas, quero confiar no consenso de vieiros de futuro para non ter vergoña de presentarnos ás xeracións que xa son futuro. Boa Noite Boa.
· · ·
Crerse Ferrol, crer en Galicia 26/11/2010
Que queren que lles diga! nestes tempos que andamos hai que respirar ben fondo para comezar o día encaixando as novas do xornal, o resumo das radios, as análises de comentaristas e tertulianos. A relación das desfeitas caen con constancia de orballo e forza de furacán, levando as nosas mentes dende os inexplicables -e sospeitosos- designios do mercado que nos salda, ata catástrofes humanitarias como as de Haití. Ou as máis próximas que nos lembran a Cociña Económica e tantas ONG que atenden ás dificultades de moitos veciños para pasar o día.
Se somos quen de resistir o peso da impotencia e ollamos á nosa contorna, tampouco é difícil atopar exemplos próximos de xentes admirables que manteñen o cotián con tenacidade: son as nais e pais que preparan aos seus fillos para ir ao cole, o comerciante que atende á clientela, o profesional honrado que traballa en A e fai ben o seu, a panadeira que nos escolle unha barra pouco queimada, o sanitario que sanda feridas de corpo e mente, a barrendeira que da tres pasos máis para recoller o descoido alleo, a persoa amable que encamiña a un viandante, a xornalista que escribe coa incerteza de ser lida, o parado que espera de hoxe un mellor día.
Pequenos felices feitos cotiáns contrapesan duras realidades, soprando nas brasas da esperanza. Esperanza apoiada tamén en realidades empresariais como os que apunta Andrés Precedo Ledo na Voz do lúns acerca de que Galicia, co 6% da poboación española e algo máis desa cifra do seu PIB, aporta o 20% de marcas españolas de prestixio internacional, algo están a facer ben moitos dos nosos empresarios. Aporta tamén esperanza que asociacións de veciños e concello debateran esta semana en foros de participación cidadá as fortalezas e debilidades de Ferrol, aínda que se percibía en moitas das intervencións unha visión demasiado negativa da nosa realidade. Os ferrolterráns debemos abandonar a ciclotimia do marabilla versus desastre para crerse máis Ferrol, crer en Galicia.
· · ·
Eu xa non acordo 12/11/2010
Os danos causados pola  tormenta da madrugada  do martes en peiraos,  paseos marítimos, vivendas  da cornixa cantábrica son impresionantes.
A confluencia dun potente  mar de fondo con mar de  vento convocou na preamar unha  ondada que levou por diante mobiliario  urbano, diques de abrigo,  cristaleiras, árbores e, desgraciadamente,  ata os desatendidos  vestixios do land-art de Man, o  alemán de Camelle. O sorprendente  destes fenómenos naturais  é que sorprendan. As imaxes  reproducidas unha e outra  vez polos telexornais e a prensa  dixital da nova caída da varanda  de Riazor (a anterior foi en  2008) amosan unha mar reivindicando  un espazo onde as dunas  e a ribeira deron paso ao formigón,  estradas e un estacionamento  soterrado. Así tamén en  Asturias, Cantabria e Euskadi paseos,  museos e establecementos  hostaleiros sufriron o resultado  do encontro da enerxía do mar  con estruturas ríxidas que invadiron  o seu territorio. 
Algo semellante  repítese nas vilas cando  chuvias torrenciais rebentan  sumidoiros mal dimensionados  (en Ferrol sabemos bastante diso)  ou por aumentar o caudal de  torrentes e ríos, arrasan vivendas  construídas indebidamente  en zonas de inundación. Cando  as cámaras de televisión recollen  as declaracións dos propietarios  afectados, asombra ver as caras  de estupefacción, os dedos marcando  a altura acadada pola riada,  os garaxes inundados. 
Pero cal é  a sorpresa? Cando oio a entrevistado  dicir que non acorda unha  cousa á maneira, lembro a un veciño  de Bares que ponderaba a  antigüidade do suposto porto fenicio  da vila de Mañón dicindo  «Miren que é vello, que eu téñolles  78 e xa non o acordo...» Tormentas  hóuboas e volverán a visitarnos.
Tardarán máis ou menos  en retornar e causarán tantos  danos como queiramos permitilo  mentres sigamos construíndo  nos territorios das augas. Pois  non é o mar quen asoballa as nosas  costas, non son os ríos quen  invaden os nosos vales, é a nosa  prepotencia financiada con cartos  públicos e privados a que desafía  os ritmos naturais.
· · ·
Outovera 29/10/2010
Primavera, Verán, Outono e Inverno son ou eran ata agora as catro estacións, catro partes do ano ben diferenciadas pola escuridade e luz características de cada unha delas. De aí o maior ou menor calor, frío, vento, chuvia, humidade e outros meteoros que inflúen nos ritmos das terras e das xentes. Agricultores e mariñeiros están tan pendentes do tempo durante a semana como os viláns cando chega o finde: a colleita, o marisqueo ou o día de praia dependen das veleidades da atmosfera, o que explica a atención con que se segue o tempo, sexa na tele, no xornal, na radio ou na parola casual dentro dun ascensor. Máis nunhas terras como as nosas, nas que se cruzan dous mares, mil ríos e o demo e a cartografía sabe cantos montes. Aquí fálase do tempo a diario pola mesma razón que na Mancha poderán pasar semanas sen tocar o tema, o ritmo de cambios marca a frecuencia da parola. Certo é que hai outras terras menos favorecidas pola climatoloxía -coido que era británico quen dixo que aquel ano o verán cadrara en xoves- ademais que esta pode estar a cambiar.  
Xa se sabe que o meteoroloxía estuda os cambios breves e a climatoloxía os que mudan en décadas ou séculos; como tamén que os expertos do Panel Internacional para o Cambio Climático nomeados pola ONU alertan de que estamos a vivir un cambio fomentado polas actividades humanas. O último informe, publicado en 2007, vaticina un aumento de episodios extremos como secas ou choivas intensas e, polo que se ve, os feitos parecen confirmalo. No informe de 2007, Meteogalicia sinala ese outono como o máis seco dos últimos 50 anos, e neste setembro de 2010 choveu menos que nos últimos 31 anos. Certo que se debe observar os cambios dos datos en períodos amplos, tan certo como que debemos desconfiar da memoria persoal, demasiado caprichosa nas lembranzas, pero un ten que se Antonio Vivaldi vivira hoxe entre nós dubidaría escribir “As catro estacións”. Serían, catro, tres, dúas ou unha con matices? Deberemos falar de Inverán ou Outovera?
· · ·
Ríos ocultos 15/10/2010
A ría de Ferrol recibe as súas  augas doces dun pequeno  fato de ríos de moi distintas  características. De todas  elas hai unha que destaca sobre  o resto: hai ríos visibles e ríos  invisibles.
O de maior caudal é o Grande  de Xuvia, delimitador da separación  entre Narón e Neda; por este  último concello vai o último  e máis espectacular treito do río  Belelle, as súas limpas augas salvan  o desnivel da Fervenza para  chegar á placidez da ría. Por  esa mesma banda, a outra banda  para os de Ferrol, van dous ríos  menores en caudal, o Cádavo e  o Ba, xa en terras do Seixo. Todos  eles tiveron e teñen algún  problema de conservación, pero  é posible percorrelos. Non se  pode dicir o mesmo dos de Ferrol;  unicamente o río da Sardiña  chega dende Catabois á Malata  en superficie. O resto foi condenado,  pola imprevisión e falla de  sensibilidade de autoridades municipais  e hidrográficas  das últimas  décadas, a servir de cloacas  para os barrios que xurdiron co  crecemento da conurbación Ferrol-Narón, levando na súa oculta  canle tanto augas pluviais como  as grises e negras de miles de  vivendas. Directas á ría.
Pódese facer un interesante  exercicio de geographical reality  show collendo un mapa para  darse un paseo dende Esteiro  ao Ponto. O primeiro desaparecido  é o río do Tronco que, soterrado  dende o Inferniño, verte  augas nada limpas na Enseada  de Caranza. Á Gándara chega  outro tapado, o Inxerto, perdido  na Ponte das Cabras para verter  sucias augas non lonxe do banco  de ameixa das Pías. No Ponto naronés  rematan dous regos, o de  Freixeiro e o de Sabugueiro.
Hai case un mes a Confederación  Hidrográfica del Miño-Sil presentou á alcaldía de Ferrol  obras por máis de 4 millóns  coas que se pretende paliar a desfeita  de décadas de abandono do  ambiental na planifi cación urbana  dos concellos ribeireños. O  obxectivo, separar augas pluviais  das urbanas para que unicamente  estas cheguen á depuradora de  Prioriño cuxa entrada en función  demora para o 2012 dende o 2008  previsto pola CHM. Amén.
· · ·
Sementeira 1/10/2010
"Sementar sementarei, loguiño  de crarear, en tanto no  pobo medre un meniño, un  vello e un cantar..."  Así animaba  a letra de Lois Álvarez Pousa,  feita canción popular por Fuxan  os Ventos, a tomar unha postura  activa para manter adiante o  futuro do país. Nestes tempos
de desacougo ante a complicada  realidade, son de agradecer  todas as iniciativas que mirando  máis aló do curto prazo cotián  buscan asentar futuros. Especialmente  o futuro de intanxibles  como os bens culturais  inmateriais, que por non ter un  prezo obvio, por non cotizar en  bolsa nin ser obxecto de doado  mercadeo, fi can esquecidos das  prioridades, das decisións do urxente,  poucas veces coincidente  co importante. Pero hai xentes  que dedican tempo do seu
para sementar futuros en forma  de escolas de música, danza,  obradoiros literarios, contacontos,  labores e artesanías tradicionais  para que xente nova  e adultos podan aprender e gozar  coa cultura tradicional galega.
De todas as ofertas anunciadas  neste comezo de outono hai  unha que resulta esperanzadora  e á que lle desexo a mellor das  andaduras, refírome ás escolas  coas que o Real Coro Toxos e
Froles ofrece ao público da cidade.  Con estas actividades recupérase  unha oferta imprescindible  en Ferrol, especialmente  considerando tanto os avatares  recentes do decano dos coros  galegos como a situación de atonía  na que están outras entidades  dedicadas á música e danza  tradicionais. Por estas circunstancias  sería desexable unir esforzos  para posibilitar unha renovación  xeracional que tome o  facho de tantas xentes que vestiron
polainas ou mantelo en corais  e grupos ferroláns, mantendounha historia da que a cidade
pode estar orgullosa. 
Unha institución  coma o “Toxos”, dotada  dun edifi cio senlleiro e céntrico  pode intentar aglutinar a todas  as persoas interesadas en coñecer  ou practicar a música e a danza galegas, un legado das xeracións  pasadas que pode facernos
felices hoxe. Coidemos a sementeira  deste outono para que  agrome en mil primaveras.
· · ·
A boa educación 17/9/2010
O mes de setembro sempre trae un novo comezo de curso, este ano cargado de interrogantes para toda a comunidade escolar. A incorporación dos máis pequenos e dos universitarios -o Plan Bolonia está a remover vellas tradicións, empezando pola data de inicio de curso- complétase hoxe venres coa incorporación do alumnado de ensino secundario obrigatorio e de ciclos formativos. Os inicios de curso son sempre datas de actividade febril nos centros, non sobra o tempo para poñer a andar unha  organización complexa - máis do que superficialmente poda parecer- coa que atender a diversidade persoal que forma toda sociedade. Cando se escoita e leen declaracións de líderes sobre a importancia da educación para calquera país non se pode evitar o desacougo de comprobar a diferencia entre as palabras e a realidade dos feitos. É difícil  construír un sistema educativo eficiente cando as principais forzas políticas non foron quen de chegar a un pacto educativo mínimo que aporte a serenidade, organización e medios humanos e materiais necesarios. Certo que moitos dos acelerados cambios dos últimos anos viñeron en boa medida da necesidade de adecuar o noso sistema ao marco común europeo. Certo tamén que o sistema español partía de notables carencias que foron paliándose con inversións e esforzos notables de administracións e profesorado. Certo que iniciativas das últimas lexislaturas adoeceron dunha ambición pouco acompasada coa capacidade de cambio dun sistema educativo sobre o que recaen todas as posibles solucións a cada problema mediático, dende a educación para a saúde ás mortandades do tráfico, a escola semella para moitos o bálsamo de Fierabrás. Mágoa que estas declaracións vaian seguidas de recortes de profesorado que están a encher as aulas en números que non recordan os vellos do lugar. Unha boa educación precisa de equipos humanos eficientes nas administracións e colaboración coas familias para que nos centros se poda facer o mellor traballo cun ben escaso, os nosos fillos.
· · ·
Memorias de verán 2/9/2010
Xa está, xa rematou agosto e aínda que setembro poda  traer días de praia e de  paseos ao compás do tempo outonal,  o verán, este verán do 2010,  xa vai aló. Cos seus días de baño,  de reunións familiares e quedadas  de amigos, as máis das veces  ao redor de mesas con ou sen  mantel, baixo a convocatoria da  sardiña ou do churrasco. O verán  de festas e romaría, de concerto  folk, rock, pop ou calquera das  variedades de eventos musicais,  encontros viquingos, carreiras de  carrilanas e outras festas imaxinativas.
Todos estas extenuantes  actividades estivais xeran milleiros  de fotos e centenares de horas de vídeo, agora máis doadamente  gravado coas propias cámaras dixitais ou cos teléfonos  móbiles que van en petos e bolsos. Imaxes fi xas ou animadas  coas que se regalarán vindeiras reunións caseiras: imos ver as fotos  da viaxe, do bodorrio, da sesión  vermouth... Entre cabezadas  e disimulados bocexos desfilará  unha cantidade inxente de imaxes  coas que tratamos de atrapar  a memoria do verán. Pero hai outra  memoria que xorde destes encontros  estivais como resultado  das conversas coas que atropeladamente nos poñemos ao día.  Tras contarnos o inmediato (ou  deuses, que pasou no último ano que poda e deba ser contado?)  é doado que o decurso da cháchara  nos leve as lembranzas da  nenez e xuventude compartidas,  debuxando na pantalla das mentes  unha vella película, a historia  da nosa vida, escrita por vario  guionistas que van aportando  detalles esquecidos, quizá con  matices insospeitados, os perfís  dos personaxes que fomos, que  somos. Esa outra memoria do verán  sanda ou remove vellas historias,  axudando ás veces a entender  por que pasaron as cousas,  axudando tamén a lembrar como  fixemos o camiño. Con esas memoria  recompoñemos, especialmente  cando xa non se cumprirán  os 50, un tempo, un país ben distinto, de casas sen auga e fondas  desigualdades sociais, no que  poucos estudaban e moitos emigraban.  Esa memoria fainos reflexionar  sobre os que agora deben  emigrar aínda que estuden.
· · ·
Lumes do abandono 20/8/2010
Hai asuntos destacados pola urxencia ou pola súa gravidade. O lume, os lumes, son un tema actual tristemente repetido e condenado a repetirse de continuar as circunstancias motivadoras dos profundos cambios sociais e ambientais que en Galicia facilitan os incendios forestais.
Algúns deses trocos na contorna veñen da mudanza da sociedade agropecuaria tradicional forxadora dunha paisaxe familiar para os galegos e identificadora para quen nos visita, mantedora ata este século das leiras, prados e montes que deron paso, nun par de décadas, a solares, vías, parques industriais, desmadre urbanístico e territorial en suma e, ademais e sobre todo, ao abandono. Abandono das vellas rutinas produtivas resultado da procura de outros medios de vida nas vilas e cidades levando ao deserto humano en miles de lugares de miles de aldeas dos máis de tres centos de concellos galegos. Esa marea de xente desprazada do interior á costa, xunto coa marea baixa da demografía -comentadas neste xornal por autoridades como Precedo Ledo ou Albino Prada- son preocupantes para o país e para o seu medio ambiente. Para o país polo que supón de mal aproveitamento dos recursos da terra, para o ambiental porque non se pode explicar o medio galego sen o factor humano.
Deses abandonos, estes lumes. Explícanse mellor moitos incendios “de roza”, iniciados por algunha desas tipoloxías de incendiario descritas hai uns días. Pensa un máis en persoas imprudentes que intentan frear co chisqueiro o avance da vexetación que en piromanía, de todo haberá. A vía mellor para loitar contra o lume é a posta de valor do monte para evitar o seu lamentable estado xeral. O goberno galego anterior creou as Unidades de xestión forestal (Uxfor), substituídas polas Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) pola actual consellería. Ambas son intentos de tornar rendibles os bosques e contan con partidarios e detractores. Alén de que modelo é mellor, o peor é estar como estamos. Galicia necesita algo rápido e estable contra o lume, xa.
· · ·
Praias compartidas  6/8/2010
Entrados xa en agosto, estase no punto álxido de chegadas e partidas vacacionais. Estes días serven para intentar desconectar dun ciclo anual de traballo e, sobre todo, renovar as forzas físicas e mentais para seguir. O encontros con amistades, o paseo vendo rostros que forman parte da paisaxe colectiva, a recuperación de sabores, olores e sons, axudan a lembrar tempos nos que todos eramos outros, a revalidar inconscientemente a pertenza a un colectivo non oficial, 'os de aquí'.
Este rito anual celébrase en rúas e prazas, en paseos ou asistencia a actos festivos e, sobre todo, na praia. Aquí é onde co mínimo equipamento do traxe de baño tómase contacto coa area, o sol, o vento do nordés -castigador e xeneroso en sol ao tempo- e os olores: a salitre, a duna, a infancia. As praias da terra permiten decidir a preferencia persoal entre o paseo solitario polos areais máis ventados ou o grupo falangueiro nas abas de sotavento. A praia da a oportunidade do silencio e do encontro, do sol abafante e do baño rexenerador; aquí aínda é posible atopar a soidade e parola na mesma praia. O da música é outro conto, os reprodutores persoais con auriculares substituíron ao 'hortera con transistor', quen o lembra?
Ademais de compartir as praias con outros humanos, tamén o facemos con outros integrantes  discretos da paisaxe, como as areas e pedras que nos acollen, as plantas das dunas e as olgas que prestan color, olor e saúde aos bañistas. Están tamén as aves litorais que fan sitio obrigado durante as horas de baño, para recuperar posicións ao solpor. Esta convivencia ten os seus custos para o non humano en forma de cambios no terreo, alteración das dunas e o seu cosmos de plantas e invertebrados, de imposibilidade de cría na praia para aves como a píllara papuda ou a gabita.
Pero a vida é teimuda, e nos últimos anos estas últimas especies están en praias e illotes galegos, tendencia que se asentará se non a impiden cans, motos, quads e obras discutibles.  Mellor para todos.
· · ·
Coidado coa costa 23/7/2010
O litoral comarcal é recoñecida como un dos máis atractivos de Galicia. A sucesión de cabos, praias, lagoas litorais, dunas, humidais, furnas, coídos, portos naturais, illas, campos costeiros, xunto cunha edificación razoablemente respectuosa coa paisaxe son atributos que explican o por que da inclusión da franxa costeira que vai de Prioriño á Serra da Capelada. rede europea Natura 2000 como Lugar de Interese Comunitario Costa Ártabra, polo conxunto de hábitats prioritarios para unha flora e fauna de gran interese científico e paisaxístico.
A que se debe o aceptable grao de conservación dun litoral tan próximo aos núcleos urbanos da ría de Ferrol? Sen dúbida a existencia de terreos en man común coma os Montes de San Xurxo, e As Cabazas-Marmadeiro en Covas, sumado as actividades e instalacións militares ata hai poucos anos, e, importante factor, que Ferrol foi unha das primeiras cidades de Galicia en dotarse dunhas regulacións urbanísticas que impediron a proliferación excesiva de construcións que afean á maior parte da costa galega. A situación hoxe é tan boa como claramente mellorable, especialmente no capítulo de servizos nas praias como accesos sinalizados, estacionamentos a distancia razoable dos areais e instalacións desmontables de baixo impacto. Pero o futuro pide coidado con intervencións que podan desmerecer este escenario, como a insistencia dos responsables de Costas en construír ramplas ríxidas de acceso ás praias que un ano tras outro deben ser repostas pola acción dos temporais. Outra é o anunciado proxecto de dar acceso a dúas dás tres praias de Narón: mentres que Campelo é un areal tan pequeno coma fermoso, as praias de O Casal e Lopesa deberían seguir como están, inaccesibles ao público. Ambas están ao pe de altos cantís de moi difícil acceso e altamente inestables, onde son probables desprendementos coma o ocorrido na veciña Ponzos. 
Hai praias de abondo na comarca como para tentar a sorte promovendo permitindo a visita a lugares de alto risco.
· · ·
A nosa selección, e II 9/7/2010
Hai case un mes que así se encabezaba esta columna. Nela, afirmando que non se ía falar de fútbol, facíase unha reflexión sobre o alumnado que ía pasar as probas de selectividade para o acceso á universidade. Hoxe, case un mes e un montón de acontecementos máis tarde –incluídas as PAU e todos os partidos do mundial de Suráfrica menos un, a final-  vaise falar de novo de mocidade, de país e de fútbol. Disto último non se espere competencia para as páxinas de deporte da ignorancia propia, xa que un non pasou dos partidos de patio e praia e ver algún que outra transmisión pola tele. Por exemplo o partidazo España-Alemania. Confeso que esperando o gol e o desenlace pensei que gañara ou non, o equipo español era un bo exemplo para todos como parábola de país desexable por calquera, no que as furias, os liderazgos caudillistas e os salvamentos heroicos perderon fol a favor do equipo, do traballo sereno e constante, da capacidade de perseverar e de sufrir se é necesario para construír un traballo ben feito. Que ademais pode ser fermoso, como este partido, como o pode ser a albanelería, a construción naval ou os xelados da Ibense (que ricos, que nostalxia), porque a xente que fai as cousas con oficio acaba por poñerlles o seu aquel de arte, de busca da beleza para mellorar o cotián, a vida máis grata.
Xa me gustaron menos os picos de serra dalgún comentarista que ía da euforia cando ‘a roxa’ dominaba -no que repartía tópicos do españolismo máis cañí- á depresión, combatida con máis tópicos modelo ‘o equipo teutón’ cando o equipo alemán replicaba. Esta tendencia a despachar a realidade con subidas aos ceos e baixadas aos avernos si que parece un deporte nacional. Este país necesita, como todos, menos tópicos e máis obxectividade, máis valorar os nosos ben faceres e habelencias e menos soberbias fatuas. Temos bazas positivas das que partir e problemas para solucionar. Agora a pelota a temos nós, pensemos en xogar ben e en como formamos á seguinte selección cidadá.
· · ·
Solsticios 25/6/2010
Son dous, o de inverno e o de verán, os momentos nos que a nosa estrela, o Sol, se atopa á maior distancia do planeta Terra. Ou mellor, dous son os puntos de afastamento máximo da órbita terrestre ao redor do pai Sol. Esta danza cósmica dura uns 4.600 millóns de anos, tanto como a formación do Sistema Solar, un tempo moito maior do que leva a nosa especie no planeta. Pero seguramente os primeiros humanos sentiron a mesma fascinación que sentimos nós ante a teimuda repetición dos ciclos anuais e de todos os cambios que acontecen durante os 365 días do ano, probablemente sexa este solsticio de verán o máis fascinante, o que inflúe en máis culturas, por marcar a transición entre as tebras do inverno e as luces do estío. Solsticio ven do latín solstitium (sol quieto) pois neses intres o Sol semella moverse máis lentamente ao estar máis lonxe do observador. Os solsticios marcaron e marcan fitos importantes para os humanos. Así o 24 de xuño foi a data elixida por moitos ritos paganos e as relixións que viñeron logo para a celebración do comezo de ano solar; ese día sería o do “nacemento do sol” mentres que o 24 de decembro sería o día da súa “morte”. O cristianismo celebra a morte de Xesús de Nazaret coincidindo con este último, mentres que é a conmemoración do San Xoán, santo singular entre os santos, lémbrase no solsticio de verán do hemisferio norte. As cacharelas e lumeiradas, son formas de festexo que aínda hoxe fan perdurar nunha sociedade cada vez máis afastada do agropecuario as razóns de alegría dos cultivadores polo augurio de colleitas posibles grazas á luz solar.
Mostra das vellas raizames dunha festa tan global constatase no feito de que civilizacións do Hemisferio Sur celebraban o Ano Novo no solsticio de xuño, que o predominio do cristianismo o levou ao de decembro, cunha simboloxía bastante obvia, na que a resurrección de Cristo recollería a herdanza do “renacemento” do Sol dos pobos precristiáns. Os calendarios e usos actuais non se entenden sen esas vellas raíces.
· · ·
A selección do 2010 11/6/2010
Voulles ser claro dende a primeira liña: non vai de fútbol. Ou si, que diría algún, pode ser que algo do que me ronda a cabeza nestes días teña que ver co deporte polo que devecen máis millóns de persoas no mundo. O esforzo disciplinado, a autosuperación, o traballo persoal e para o equipo son valores que cotizan á alza no fútbol español. Tamén ten este tachas ben visibles, das que o comportamento pouco exemplar -clamoroso no económico- de moitos clubs son comentario hoxe e probablemente o sexan nun futuro nada folgado. Pero da selección que eu lles quero falar, pouco antes de comezar o espectáculo en Suráfrica, está formada por un fato de mozas e mozos de segundo de bacharelato que están á espera de “facer o seu mundial”, o máis importante da súa vida, pasar as Probas de Acceso á Universidade entre o 16 e o 18 de xuño. Ou polo menos así o senten agora, nestes días nos que navegan polas incertezas do que está por vir, entre a seguridade do traballado todo un intenso curso e as dúbidas lóxicas da última hora ante a chegada das probas. Cando as pasen, poderán comprobar aquelo que lles comentou o seu profesorado dende o comezo de curso, que a “selectividade” faise, pásase, en cada centro durante os tres trimestres do curso, no traballo de cada día, de todas as semanas que os levan dende o primeiro curso do seu bacharelato ás portas de graos universitarios ou ciclos superiores. Pois, permítome a volta ao símil deportivo, están a rematar unha liga de dous cursos no académico na que está a dar, por moito que ás veces pareza o contrario ás súas pacientes familias, un enorme salto na súa madurez, o primeiro paso do resto das súas vidas académicas e profesionais.
Nesta rapazada temos -créanme coñezo ben deles- unha marabillosa selección á que apoiar con centros educativos, profesorado, becas, axudas á investigación e oportunidades de traballo cualificado aquí, nun país cunha sociedade con prioridades claras de aposta polo futuro, o noso capital humano.
· · ·
O futuro dos fillos 14/5/2010
Cando a mar se pon brava toca asegurar a carga, tomar rizos e pechar escotillas para evitar catástrofes. Pero non é momento de ser catastrofista. Hai un rumbo que manter –ou variar axiña- para chegar a bo porto con toda a tripulación na mellor condición posible, saber cal é a estratexia correcta para facelo co mínimo gasto e, cando cheguemos a porto, cal será o próximo paso. O país está a pasar por unha marusía, tirando a mar arbolada que nos debe facer repensar (ou pensar quizá) que país queremos.
Porque temos uns fillos, unha xente nova, formada no académico, no profesional, como nunca estivo xeración anterior. Diga o que diga quen non os coñece, a rapazada de hoxe ten moitas máis habelencias e dispón de máis medios para aplicalas que nunca antes. Salvo –excepcións a parte-  a escasa educación para adversidade que as xeracións anteriores, incluídos os seus pais, coñeceron. A dificultade para atopar un traballo acorde coa súa formación ou as facetas cotiáns dunha situación económica máis duras das vividas ata agora pódeos levar a contemplar o futuro con pesimismo. Non é doado afrontar malos tempos cando fuches criado no “que queres neniño”. Pero toca retomar o espírito dos vellos coa potencialidade dos novos, hai que reivindicar o espiritu emprendedor de xeneracións anteriores para lembrar que a mantenza –como liberdade- non a regalan. Que para xogar en “champions” hai que entrenar arreo. Que a discreción dos vellos vende máis que a fachenda do “novorriquismo”, alentado por banqueiros insanciables, políticos imprudentes, televisións impresentables e, dígase, unha sociedade que quixo esquecer  que a nosa renda per cápita cando a entrada na UE era –falo de memoria- duns 12000 dólares, mentres que Francia e Alemania tiñan 25000 e 34000 respectivamente: os expertos en economía nos levan explicando de dous anos para acó como se fixo o “milagro español”.  Galicia sabe de tirar para adiante, pero debemos axudar aos fillos como ler os erros dos seus maiores para atopar o seu futuro.
· · ·
Máxico Jofre 30/4/2010
A música, o teatro, a danza son artes que poden materializarse en lugares e situacións variadas. Os espazos abertos, as rúas, pavillóns deportivos e estadios de fútbol acollen concertos e outros eventos escénicos. Pero hai escenarios e escenarios: músicos e espectadores saben das calamidades acústicas de moitos locais, máis axeitados para o deporte que para a boa escoita. Para non falar doutras sevicias como a de estar de pé, as inclemencias do tempo -aínda que hoxe calquera modesto evento á intemperie conta con carpas protectoras, non hai moito que organizadores de custosos eventos institucionais escatimaban os toldos incluso para os intérpretes- ou o amoreamento humano. No lado positivo están marcos como o que brinda o Teatro Jofre. Tras da súa rehabilitación, ben excesiva no tempo pero atinada no resultado xeral, o local máis emblemático de Ferrol semella ter unha maxia especial para os intérpretes, como se puido comprobar de novo a semana pasada, nos concertos de BM5, o quinteto de Daniel Bellón e Diego Maceiras, e do Masada String Trio. Os primeiros, presentando o seu disco Folkfusión, compartiron co público a súa música leda  e os segundos, acertadamente traídos a Ferrol pola Fundación Barrié dentro do seu XV Ciclo de Jazz, viron como os espectadores agradeceron unha proposta músical tan subtil como diferente correspondendo con tres xenerosos 'bises'.
Grato é o encontro de intérpretes de calidade e un público receptivo, grazas á disposición do concello, responsable do teatro, e das entidades que traen unha programación de calidade durante o ano ou a divulgan, como a Asociación de Amigos do Teatro Jofre. Pero é a funcionalidade do Jofre o que repuxo a Ferrol no mapa dos circuítos escénicos do país ao ofertar tanto uns equipamentos técnicos modernos como o sabor e a solera de antigo teatro. Esta afortunada combinación explica probablemente parte do encanto que para os músicos, para os cómicos, ten actuar en Ferrol. A outra parte a explica o público, ao que hai que manter cunha oferta atractiva. Aí está o reto de futuro.
· · ·
Malata viva 16/4/2010
Había unha vez unha ría longa como unha botella, na que vivían ameixas finas e babosas, vieiras, croques e un milleiro doutros seres mariños grandes ou tan pequenos que o ollo non acada ver”.
Podería este ser parte dun conto que a conto ven pola actualidade da ría ferrolá, cando se barallan as posibilidades de conexión do porto exterior co ferrocarril. Dise que a opción máis axeitada é “a sur” fronte a outras máis custosas e un se pregunta de que custo se fala. Si de cartos se trata, pode ser que sexa máis barato construír unha ponte “económica” entre o actual porto carboeiro e A Graña,  fronte a un trazado máis longo, habería que ver os números para opinar. Pero si se inclúen –como se debe facer- os custos ambientais e sociais, a cuestión non ofrece dúbidas: Ferrol non debe recibir máis desenvolvemento ‘low cost’. A enseada da Malata foi sacrificada -e con ela a calidade de vida de mariscadores e cidadáns de Ferrol- en aras das necesidades de empresas radicadas noutros concellos. Para a descarga do carbón e da chatarra fíxose unha ocupación desmedida do mellor banco marisqueiro natural da ría; pódese hoxe trasladar os graneis ao porto exterior, pero o peirao ficará. O banco de ameixa restante pode desaparecer pola construción dunha ponte barata nuns intres, non se esqueza, nos que aínda non temos unha ría saneada.
Xa está ben de solucións que crean problemas, accesos que dividen barrios, portos que afogan á vida. Poden entenderse, non desculparse, nos tempos de durísimas reconversións, cando todo valía por postos de traballo. Pero estes hoxe veñen tamén de moitos sectores que necesitan unha Malata o máis saneada e fermosa posible. Marisqueo, turismo, lecer cidadá teñen dereito a solucións de calidade, eliminando barreiras anteriores, non creando outras novas. En todo caso, estamos no século XXI, no que se fan pontes que salvan vanos como este sen máis problema que un bo deseño e cartos. Ferrol non merece menos.
· · ·
A economía do próximo 2/4/2010
Hai en marcha en Galicia unha silente diminución de diversidades.  Algunhas son notorias e enchen portadas e artigos de opinión,  coma das caixas de aforros que das varias que había hai corenta
anos quedaron en dúas que van quedar no que o diaño diga, val  dicir o que digan quen o bacallau corte.
Pero non é esa diversidade a que quería traer hoxe aquí. Tampouco  da biodiversidade falar quixera, aínda que outro demo me leva,  porque xa van para tres ou catro anos que non se sente cantar ao  cuco en Ferrolterra e os ornitólogos non saben porque non oímos a  este paxaro que inverna en África pero cría fillos galegos: por favor se escoitan o seu cucú chamen á radio, á prensa, teñen vostedes unha nova de alcance. A diversidade que me ven preocupando hai  tempo é a da gandería e agricultura galegas, que están a vivir  tempos ben difíciles. Certo que hai iniciativas pioneiras e puxantes  en mundos coma o viño, os pementos ou as algas, certo que temos  algunhas empresas punteiras no precociñado e na distribución de  alimentos pero hai no mundo do gando unha desaparición constante  de explotacións que van deixando o interior do país cada volta máis espido de xente. O prezo que reciben os produtores do leite e da  carne, presionado polas importacións dos excedentes doutras  partes -ollo, os agricultores franceses quéixanse da competencia do  leste de Europa- voltan non rendibles as explotacións. Ferramentas  terán que poñer as administracións para fixar á xuventude nunha industria, a agropecuaria, da que dependen moitas outras industrias  e servizos. Unha delas é mellorar a trazabilidade para que os  consumidores tamén podamos facer o noso, mercar produtos  galegos. Se queremos beber leite, comer peixe, queixo, manteiga,  ovos, carne, hortalizas ou pan de fariñas galegas é necesario un sistema de orixes certificadas con etiquetas claras. E a nosa  decisión. Eu agora vou por leite do día.
· · ·
Papá ven en tren  19/3/2010
Recordarán moitos dos lectores máis veteranos, o vello anuncio do tardofranquismo, no que a compañía estatal Renfe invitaba aos viaxeiros a utilizar unha vetusta oferta ferroviaria para os seus desprazamentos. Daquela os trens de friameira e bota de viño competían malamente co puxante "coche propio", protagonista dos atoamentos domingueiros á entrada de Madrid e outras grandes e pequenas cidades. Coas colas ironizaba outra compañía tamén  estatal, poñendo grandes carteis nos que proclamaba "Con Iberia ya habría llegado" para promover os seus reactores, polo menos aos executivos.
Tren, coche e avión formaron un trespés inestable no que a pata ferroviaria foi esmorecendo a favor das catro rodas e dos jet, ata o advenimento dos AVE -nada que ver con saúdos romanos nin con animais emplumados- canda a orxía nacional de 1992, léase Expo ao Sur e Olimpíadas ao Leste.
A alta velocidade nos trens e os vos baratos nos avións debuxaron un novo escenario para os desprazamentos de media ou longa distancia na era B.I. (da Burbulla Inmobiliaria), iso si, naqueles afortunados territorios que contaban con parada e fonda destes transportes. A outra alternativa, o cochiño -nada que ver co digno porco- atopou novos vieiros na chea de quilómetros de camiños de asfalto que deixaron as subvencións da UE xestionadas polo grupo EADCIA (Estado, as Autonomías, as Deputacións, os Concellos e as Iniciativas, ou sexa as Autopistas). A algúns aínda lle souberon a pouco, cando case completada a autopista a Ferrol se facía a enésima proposta de “Ponte-das-Rías” para engadir máis asfalto, esta vez cruzando a Marola. 
En troques moitos dos ártabros, habitantes da “Cidade das Rías”, soñamos para a era d.B.I. -despois da B.I., xa saben- con coller un dos numerosos trens rápidos que unirán o Castro de Ferrol co Castro de Coruña para facer unha xestión, ver algo no Jofre ou no Rosalía de Castro, ou darse un paseo por algún dos dous Cantóns, segundo cadre. Non tarden: queremos ir en tren!
· · ·
De estrea no Jofre  5/3/2010
O vindeiro martes estréanse no Teatro Jofre as obras premiadas no apartado de Composición do Concurso Constantino Bellón 2009. De novo o teatro ferrolán acollerá unha cita singular para a creación musical coa gaita de protagonista. Foi en 2003 cando o concurso de gaita máis veterano e prestixiado de Galicia incluíu un novo apartado cunha ousada invitación para a composición de obras para gaita, soa ou con acompañamento.
  Para sorpresa de moitos -incluíndo a quen subscribe- foron xa máis dunha ducia de compositores os que aceptaran o reto, regalando un feixe de obras frescas  innovadoras e fermosas. A relación de gañadores está escrita na páxina web do Ateneo Ferrolán, promotor do concurso, pero tamén na memoria dos que asistimos á convocatoria anual da estrea no máxico encadre do Jofre. 
Obras nas que a gaita soa, acompañada por piano ou ensamblada coa corda, trouxeron a ledicia aos organizadores pola participación e, especialmente, ao público, que xa constatou ano tras ano a calidade da música e da interpretación posta en escena. O concerto demorouse a este 2010 polas das  dificultades do ano pasado, cando faltou o aporte económico que tivera dende os seus comezos da Consellería de Cultura, podendo celebrarse grazas ao acordo unánime de apoio da corporación municipal de Ferrol. Esperemos que a XX convocatoria deste nada ensimismado certame recobre o apoio do goberno de todos os galegos.
A cita deste ano ten o alicerce da interpretación da obra gañadora, LUGRÍS, de Jesús Rodil Rodríguez, para gaita solista, orquestra de corda, percusión e piano. Con igual acompañamento escoitaranse os accésit TUMBALEIRA e JOTA, de Javier María López Rodríguez e Pablo Devigo Vázquez, respectivamente, este último gañador tamén do concurso de gaita solista. A presenza de tantos músicos fará pequeno o escenario do teatro, e así deberán estar os asentos para este luxo de espectáculo único e irrepetible. Anímense a ir, eu non mo perdo!. 
· · ·
Novas froles para o TOXOS 19/2/2010
Contábame nun paseo un amigo boliviano, admirado do esplendor verde e amarelo dos montes galegos en primavera, que esas -mellor que o azul e o branco- deberían ser as cores da bandeira galega.
Certo que durante o inverno, o verde de toxos, xestas e carqueixas poñen unha capa á paisaxe do país ata que, coa luz e a calor, as flores louras destes matos rompen o dominio do verde nas ladeiras. É posible que esta visión cromática levara aos fundadores do coro decano dos galegos a denominarse Toxos e Froles no 1914, poñendo no seu nome unha evocación do máis enxebre do país. Isto transmitiu durante anos “o coro”, un fato de xentes unidos contra vento e marea para manter a esencia da cultura popular galega nun entorno, o ferrolán, dominado por tantas tendencias foráneas. Así o lembraba en 1993 Xavier Alcalá nun artigo de “Labor Galega” -a revista do Toxos- cando escribía “...un grupo de homes e mulleres galegos conectábanme, ao cantar e danzar co outro mundo intuído antre as paisaxes da aldea”.
O “Toxos”, un dos que en Galicia seguiron a senda de “Aires da Terra”, fundado polo pontevedrés Perfecto Feijoo, asumiu dende a súa fundación non so o importante papel de conservar e fomentar a música do país, tamén fixo bandeira de causas como a reivindicación de Concepción Arenal ou vencellos con intelectuais como Sofía Casanova,  Otero Pedrayo e Carballo Calero.
Polo Toxos e Froles pasaron en tantos anos coristas, danzantes, gaiteiros e percusionistas, dirixidos por músicos como Manuel Lourenzo, o seu primeiro gaiteiro e promotor, Pío Rodríguez Puga, Manuel Fontao ou Adolfo Ramonde. Constantino Bellón tamén temperou as gaitas en La do coro, e outro gaiteiro Arturo Lamas, encabezou a lista elixida na última asemblea para presidir a nova etapa da entidade ferrolá.
As entidades pasan por etapas, e a xestión última do Toxos o puxo en serio perigo. A nova directiva, debe ser a nova xeira de flores que aviven unha entidade que Ferrol e Galicia queren, recoñecen e necesitan.
· · ·
Do branco ao negro 5/2/2010
Nesta época do dixital compre lembrar que na Fotografía, así con maiúscula, a que ten máis de 150 anos, a do branco e negro, o momento da verdade era o positivado. Era no cuarto escuro cando a luz que atravesaba o negativo impresionaba as sales de prata do papel para que, tras duns momentos de emoción no líquido revelador, a imaxe xurdira para revelar o acerto ou fracaso da instantánea. Pouco que ver coa inmediatez de hoxe, cando feita a foto ou o vídeo no móbil mándase pola rede, á impresora, ou ao laboratorio da esquina.
Tras do positivado, feito por un ou recollidas e pagas as fotos na tenda, viña a exame crítica da foto: cantos máis matices de gris tivera, mellor resultaba a imaxe. A ser posible, abranguendo toda a gama, dende o negro ao branco puros. Así eran cativas as fotos con poucas tonalidades e contrastes,  e gañaban á vista cando amosaban unha boa riqueza tonal. 
Un ten para si que a vida cotián, a realidade -calquera cousa que iso sexa- a percibimos as persoas á maneira da fotografía clásica. O que acontece, a nós ou aos demais, chéganos con matices que cada un interpreta ao seu xeito, faltaría máis. Hai entre nós quen tende ao claro, hai para quen as escuridades dominan a vida. Case sempre todos levan algo de razón e case sempre estamos máis ou menos errados, xa que opinamos tanto influídos polas nosas crenzas e experiencias como pola calidade da información de que dispoñemos. Poden os medios de comunicación ser parcos ou excesivos na selección e o tratamento da información, pode estar ben traballada e presentada ou intencionadamente sesgada, ese é o xogo do que lectores e espectadores debemos coñecer as regras para ter unha opinión fundada.
Dende esta columna tentarase achegar unha colección de instantáneas da vida con todos os matices posibles  e co compromiso, ao xeito do fotógrafo de cámara e laboratorio, de asumir o dito dende o encadre, a composición e o procesado para dar, sempre, unha opinión en positivo.